CulturaCultura

Medio cento de estudantes de secundaria de Verín participarán nunha iniciativa promovida polo FIC Vía XIV

Alumnos dos IES Xesús Taboada Chivite e Castro de Baronceli aprenderán a realizar curtametraxes nos meses de outubro e novembro
O director de FIC Vía XIV, a concelleira de Cultura de Verín e o xefe de produción do certame noo IES Catro de Baronceli.

Que os mozos e mozas poidan elaborar por grupos unha proposta orixinal de curtametraxe, é o obxectivo dunha iniciativa piloto promovida pola organización do FIC Vía XIV de Verín, que presentaban na mañá do 17 de outubro aos estudantes de Secundaria do IES Xesús Taboada Chivite e do IES Castro de Baronceli.

A iniciativa a través da cal os xoves coñecerán as claves de produción, era exposta polo director do certame Carlos Montero, xunto a outros membros do comité organizador como o xefe de Produción, Xosé Lois Santiago Pello, e á concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, adiantando que o seu obxectivo é “implicar aos verineses mais novos no discorrer do festival a través da programación dunha actividade que os integre e mesmo os faga protagonistas do mesmo xa que os mellores traballos poderán ser exhibidos en futuras edicións”. Deste xeito, os alumnos participantes adquirirán durante os meses de outubro e novembro, a través de varias masterclass específicas, codirixidas polo equipo organizador do FIC xunto a docentes de ambos centros, nocións sobre guión, narrativa audiovisual, rodaxe, preprodución e posprodución de curtametraxes.

Tal e como destaca Marta Acitores, profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual no IES Castro de Baronceli a idea foi recibida “con entusiasmo” polos estudantes, asgurando que se trata dunha actividade “interesantísima” coa que os alumnos están “moi motivados e ilusionados. Ademais, polas características do formato da curtametraxe e pola súa duración, vense capaces de poder elaborar unha proposta orixinal”, afirma Acitores. Un total de 35 alumnos de 3º e 4º da ESO deste centro participarán na iniciativa.

Da mesma opinión é César Sánchez, xefe de estudos e profesor de Imaxe e Son no IES Xesús Taboada Chivite. Serán 16 os alumnos deste centro que participen na iniciativa, todos eles alumnos dunha materia (a de Imaxe e Son) que “é relativamente nova no centro, posto que só leva impartíndose tres anos”. Sánchez valora como especialmente interesante a proposta do FIC para aqueles estudantes que queren enfocar os seus estudos superiores ás ramas de Comunicación Audiovisual, Xornalismo e mesmo Publicidade e RRPP.

Artigos relacionados

Back to top button