ConcellosÚltima hora

Medio cento de festas de inverno estarán na VI Mascarada Ibérica de Viana e Vilariño de Conso

Sobrasae a presenza de Entroidos ourensáns, pero tamén doutras partes de Galicia e mesmo da península

 

Presentación da VI Mascarada Ibérica na Deputación de Ourense.

O VI Festival Internacional Mascarada Ibérica “ViBoMask” reunirá os días 11 e 12 de xaneiro a medio cento de grupos procedentes das catro provincias galegas e de diferentes lugares da xeografía española como Cantabria, Castela e León, Castela A Mancha e o País Vasco, aos que sumarán grupos de Portugal e Italia.

A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participaba o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; e os membros da asociación “Robreda” de Viana do Bolo, Jorge Domínguez e Pedro Basalo.

A VI “Mascarada Ibérica” comezará o 9 de xaneiro, ao longo da mañá, coa celebración de obradoiros e documental sobre as máscaras participantes nesta edición a cargo da asociación “Robreda” no CEIP Bibei. Ás 20.30 horas será a proxección e o coloquio do documental “Mar de Terra”, de Jose A. Blanco e Kepa Junkera, sobre os Entroidos ourensáns na Casa da Cultura.

O venres, 10 de xaneiro, ás 9:15 horas desenvolverase unha conferencia sobre o mundo da máscara a cargo de Jorge Domínguez, no IES Carlos Casares e, ás 20 horas, terá lugar a foliada coa participación de varios grupos de música tradicional galega nas rúas e bares de Viana do Bolo.

O 11 de xaneiro, a programación comezará ás 11 horas co ViTour, unha visita dramatizada polas rúas de Viana do Bolo e que terá como punto de saída a Praza Maior. Ás 13.00 horas será a presentación oficial do grupo invitado “Mamuthones e Issohadores” de Mamoiada (Sardeña), na Casa da Cultura. A xornada continuará desde as 13.00 ás 19.00 horas co ViMarket, un mercado de produtos artesanais locais na rúa Ceferino Armesto e a rúa das Mazairas.

Ás 16.30 horas terá lugar o desfile do VI Festival Internacional Mascarada Ibérica “ViBoMask” tamén en Viana do Bolo, e desde as 20.00 ás 21.00 horas haberá unha actuación das pandereteiras da Asociación Fiadeiro de Vigo na Praza Maior, rematando ás 23.00 horas co ViMusic no que actuarán nese mesmo espazo, grupos de música tradicional galega.

En Vilariño de Conso, as actividades comezarán o venres, 10 de xaneiro, con obradoiros e o documental sobre as máscaras participantes nesta edición ao longo da mañá no CEIP San Martiño. E o domingo, 12 de xaneiro, a partir das 12.00 horas, será o desfile do VI Festival Internacional Mascarada Ibérica “ViBoMask”.

A Deputación de Ourense colabora con esta celebración que é “un anticipo dun dos maiores eventos culturais da nosa provincia, o Entroido” e desenvólvese en zonas rurais onde “se conservan as verdadeiras raíces da tradición e sinais de identidade”, salientou Rosendo Fernández. Neste mesmo sentido, Secundino Fernández dixo que este evento celébrase “nun concello no que o Entroido vai no ADN da xente” mentres que, Melisa Macía aludiu á crecente afluencia de participantes en cada edición grazas “ao labor que desenvolven as asociacións de ambos concellos e á implicación da sociedade”.

Pola súa parte, Pedro Basalo explicou que intentaron dar “un novo enfoque a esta celebración que pretende conxugar o encontro de máscaras cunha implicación na vida cultural, sobre todo, coa concienciación da sociedade en canto á importancia destas tradicións e destas mascaradas para a identidade dos pobos que as levan”. Así mesmo, nesta edición “temos, en particular, un intercambio cultural cos “Mamuthones e Issohadores” da illa de Sardeña, porque en xuño viaxamos alí e entendemos que a mascarada precisaba crecer, por elo, este ano se chama “ViBoMask” e ampliamos o programa con actividades culturais”, engadiu Pedro Basalo.

Jorge Domínguez destacou a implicación da mocidade de ambos municipios neste evento que pretende “dar a coñecer as nosas tradicións”, afirmando que “un pobo que perde as súas tradicións, perde a súa identidade”.

Artigos relacionados

Back to top button