DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Medio cento de nadadores disputan a III Travesía de Valdeorras

Dende O Bañadoiro (Vilamartín) tomaban a saída na tarde do 9 de setembro os 51 nadadores que participaban na terceira edición da Travesía a Nado de Valdeorras, en augas do Sil. Deles, 31 optaban por realizar o percorrido de 2.525 metros. O resto afrontaban o traxecto de 5.050 m puntuable para o XIV Circuíto Galego de Augas Abertas da Federación Galega de Natación.

A cita reunía a deportistas de diferentes clubs galegos, entre os que había algúns ourensáns como o Club Natación Escualos e o Adas Natación. O primeiro dos participantes en chegar á meta era Angela Cobelo (C. Natación Ponteareas) que completaba a distancia de 2.525 m nun tempo de 38 minutos e 38 segundos. Apenas un minuto despois concluía a proba Antón Bouza (C. Natación Vigo Rías Baixas), que tamén competía na distancia curta.

O vencedor da proba nos 5.050 m era Gaspar Andrade (CN Arzúa) cun tempo de 1:04:08. Como primeira nadadora feminina nesta distancia clasificábase Paula Goyanes (Galaico). Na proba incrementábase a participación valdeorresa, especialmente nos 2.525 metros. O único nadador vilamartinés era Clemente Ferrer “Tito”.

Numerosas persoas seguían a evolución desta travesía que ten sido organizada polo Adas Natación en colaboración cos Concellos de Vilamartín e O Barco.

Fotos: Carlos G. Hervella/ Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button