DeportesÚltima hora

Medio cento de windsurfistas, na Regata Clasificatoria desta modalidade en Castrelo de Miño

Comezará o venres pola tarde e é puntuable para o ranking galego de clasificación para os nacionais de 2022

Encoro de Castrelo de Miño./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Acontecemento de alto nivel deportivo esta fin de semana no encoro de Castrelo de Miño coa Regata Clasificatoria de Windsurf (incluída na Copa Deputación de Vela), na que se espera a participación de Tomás Vieito, membro do Selección nacional de IQ Foil. As probas comezarán o venres pola tarde con máis de 50 deportistas inscritos nun total de cinco categorías.

A regata é puntuable para o ranking galego de clasificación para os nacionais de 2022.
A frota galega de windsurf asiste ao evento de Castrelo de Miño con altas expectativas dada a previsión de boas condicións de vento. Haberá un total de 5 modalidades, Foil Formula, Windsurf Formula, Raceboard, Bic Techno 293 e Escola. Hai un total de 52 inscritos 12 en Formula Foil, 6 en Formula Windsurf, 5 en Raceboard, 13 en T293 e 16 en Escola representando a un total de 6 clubs galegos e ao alacantino C.N. Santa Pola con dous representantes na Fórmula Windsurf.

En Fórmula Foil espérase ver un gran espectáculo ao contar cun dos mellores regatistas do panorama nacional, o cangués Tomás Vieito que forma parte da selección nacional de IQFoil, unha modalidade que será olímpica nos Xogos de París 2024. Tomás terá duros rivais como o seu compañeiro de equipo do CN de Rodeira Nacho Fernández ou os sub-21 Nicolás Blanco e Lucas Maceiras que avanzan rápido para acadar o nivel absoluto.

O Club Náutico Castrelo de Miño será un dos clubs líderes cun total de catorce regatistas, 3 en Foil, 3 en Windsurf Formula, 2 en Bic T293 e 6 na escola. Entre todos eles, cómpre destacar a Nicolás Blanco que intentará loitar por un posto no podio de Formula Foil.

Esta regata forma parte do programa da Copa Deputación de Vela e conta co apoio da Real Federación Galega de Vela que enviará ao técnico responsable das categorías base, Juan Portela, para supervisar a evolución dos nenos e mozos que participan no Techno 293 con vistas a formar os diferentes equipos galegos.

O programa establece a disputa dun total de 6 mangas entre o venres e o sábado. O venres as probas serán entre as 18:30 e as 21:00 h. Mentres que o sábado pódense disputar mangas desde o mediodía ata as 20:00 h. como hora límite. A entrega de premios está prevista para as 21:00 h. do sábado.

Artigos relacionados

Back to top button