OurenseÚltima hora

Medio Rural conclúe a solta de Torymus para loitar contra a avespiña do castiñeiro

En total soltáronse 1,6 millóns deste depredador natural da avespiña en toda a comunidade, o dobre que o pasado ano, segundo a consellería
Imaxe dunha solta de Torymus.

A Consellería do Medio Rural vén de rematar as soltas de 1,6 millóns de individuos do parasito Torymus sinensis, depredador natural da avespiña do castiñeiro, en 17.000 puntos da xeografía galega. Trátase do dobre de individuos que o ano anterior, ao conseguirse autorización por parte do Goberno central, como ente responsable de autorizar estas soltas experimentais, tal e como indicaba o  conselleiro do Medio Rural, José González, na visita que realizaba hoxe a Riós.

Ademais desta loita biolóxica, o conselleiro comentaba que se está estudando a aplicación de medidas silvícolas e actuacións relacionadas coa mellora xenética no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Por outra banda, o concelleiro lembraba que Medio Rural realizaba tratamentos gratuítos en castiñeiros particulares, previa solicitude, para combater a enfermidade do cancro mediante a inoculación de cepas hipovirulentas en castiñeiros afectados.

Así, avanzou que dende o ano 2011 tratáronse preto de 120.000 pés desta árbore, dos cales 14.800 foron no primeiro semestre deste ano 2019, coa previsión doutros 9.000 pés máis no outono.

 

Artigos relacionados

Back to top button