EconomíaEconomíaÚltima hora

Medio Rural destina a Asoporcel 820.000 euros no período 2016-2022 para colaborar na recuperación do Porco Celta

O delegado territorial de Lugo mantivo hoxe unha xuntanza con representantes da entidade

 

O delegado territorial de Lugo, Javier Airas, reafirmou o apoio da Xunta ao labor que realiza a Asociación de Criadores da Raza Porcina Celta (Asoporcel) na recuperación e fomento desta especie, que está en perigo de extinción. Arias sinalou “o potencial que ofrece este recurso gandeiro, susceptible dunha explotación sostible e rendible para poñer no mercado produtos diferenciados e de calidade”. Facíao na xuntanza que mantiña hoxe con representantes da entidade, entre eles o presidente José Barreira e o director técnico Iván Rodríguez.

Actualmente está en vigor o convenio asinado para o período 2020-2022, cun orzamento de 480.000 euros e que dá continuidade ao desenvolvido entre os anos 2016-2019, dotado con 340.000 euros. En total, subliñou Arias, “a Xunta achega 820.000 euros en sete anos para promover unha gandería que pode xerar actividade económica nas zonas rurais con maior perigo de despoboamento”. Ao respecto, o sistema de cría en liberdade, con aproveitamento silvopastoril de montes e terras infrautilizadas, supón un valor engadido e repercute na calidade da carne e na conservación da paisaxe.

Asoporcel é a única organización de criadores de razas autóctonas galegas con sede na provincia de Lugo e pode optar ás axudas para este tipo de asociacións convocadas recentemente pola Xunta, destinadas á xestión do libro xenealóxico. Os beneficiarios últimos das achegas da Xunta son os gandeiros das 136 explotacións adheridas a Asoporcel no conxunto de Galicia. A entidade leva a xestión do libro xenealóxico e desenvolve un programa sanitario propio para os asociados, ademais de realizar accións de formación, difusión e comercialización, entre outras tarefas. Neste sentido, impulsa a creación e promoción de marcas comerciais baixo o distintivo de calidade 100% Raza autóctona porco celta.

Segundo datos da asociación, anualmente realízanse unha media de 1500 sacrificios de animais baixo este selo, o que xera arredor de 160 toneladas de carne. A maior parte da comercialización realízase en forma de produtos elaborados e salgado-curados, aínda que cada vez é maior a demanda de pezas frescas de carne.

Artigos relacionados

Back to top button