ConcellosÚltima hora

Medio Rural fomentará a mobilidade de terras en Paderne de Allariz

O alcalde desta vila, Jose Manuel Fernández, solicitou ademais a colaboración da Xunta para dotar á Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense dun tractor para a roza e prevención de incendios
Ángeles Vázquez e José Manuel Fernández.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez,  e o alcalde de Paderne de Allariz, José Manuel Fernández mantiveron hoxe, 8 de xaneiro, unha xuntanza en San Caetano. Nesta reunión de traballo exploraron as posibilidades que se presentan neste municipio ourensán para fomentar a mobilización de terras agrarias a través de diferentes procesos de reestruturación parcelaria.

Neste sentido, o rexedor municipal –que é ademais presidente da Mancomunidade Voluntaria de Concellos da Comarca de Ourense– trasladou á conselleira que existe un interese crecente, especialmente pola xente nova, por asentarse no rural e dedicarse á actividade agrogandeira.

Por outra banda, o alcalde solicitou neste encontro a colaboración da Consellería para dotar á devandita Mancomunidade dun tractor para realizar labores de roza e limpeza de matogueira para a prevención de incendios forestais, unha posibilidade que Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar, valorando en particular o feito de que sexan varios municipios os que fan esta petición, agrupados no marco da mancomunidade.

Desta entidade local forman parte, ademais de Paderne de Allariz, os concellos de Baños de Molgas, Esgos, Maceda, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo. Foi constituída no ano 2007 e acada unha poboación aproximada de 24.000 habitantes e unha extensión de 597 quilómetros cadrados.

Artigos relacionados

Back to top button