OurenseÚltima hora

Medio Rural investiu, nun ano, 300.000 euros en melloras de camiños e en Montealegre

Este investimento está contemplado dentro do Plan de Emerxencias 2016 da Consellería

A Conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou onte o entorno natural de Montealegre e o Xardín Botánico canda a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e o concelleiro de Medio Ambiente, José Araújo. Esta visita produciuse co gallo das melloras que o departamento de Ángeles Vázquez fixo neste área e no camiño da Burata.

Segundo informaron dende a Consellería de Medio Rural, ao longo do 2016 leváronse a cabo diversas actuacións no concello de Ourense para a mellora de camiños e para poñer en valor o parque de Montealegre e que supuxeron un investimento de preto de 300.000 euros.

As intervencións en Montealegre, que veñen de rematar a finais do pasado ano, enmárcanse dentro dun convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e a Consellería do Medio Rural para a construción de sendas e outras actuacións forestais neste monte, pensadas para favorecer o seu uso e goce polos veciños. Estes traballos consistiron, ademais de habilitar as sendas para os peóns, na creación de firme, plantacións, instalación de mobiliario (mesas e banco, papeleiras, carteis informativos etc.) e dun sistema artificial de rega. O importe total das obras foi de preto de 60.000 euros, sinalan dende Medio Rural.

O espazo de Montealegre abrangue 150.000 metros cadrados e está caracterizado pola súa riqueza natural e polas súas peculiaridades antropolóxicas e biolóxicas, que se ven reforzadas agora coa plantación de especies singulares.

En canto á Burata, preto da zona da Farixa, esta obra está dentro do Plan de Emerxencias 2016 da Consellería, cun orzamento de 59.800 euros. A vía inicial tiña o firme e o muro de contención en deficiente estado, polo que se procedeu a levantar un novo valado, coa mellora da drenaxe e firme de aglomerado en quente.

Artigos relacionados

Back to top button