ConcellosEn portada

Medio Rural permitirá excepcións á prohibición de pastorear en zonas queimadas

Para solicitar este permiso os titulares dos dereitos de aproveitamento deberán acreditar perdas de difícil ou imposible reparación pola prohibición de pastoreo ou a inexistencia de alternativas a esta actividade

Os gandeiros damnificados tanto da última vaga de incendios do mes de outubro, ou de lumes producidos durante o verán, non terán que esperar os dous anos que contempla a normativa para restaurar a masa afectada polos lumes e poder pastorear. Así se indica nun comunicado que vén de facer público a Consellería do Medio Rural.

Nel este departamento autonómico sinala que se permitirán excepcións á prohibición de pastoreo en terreos forestais queimados, “tal e como o establece a Lei de Montes de Galicia, co fin de evitar maiores prexuízos gandeiros que xa resultaron damnificados polos lumes”.

Os lugares nos que se establecerá esta excepción serán analizados e avaliados pola Consellería do Medio Rural para determinar en que lugares é preciso aplicar esta excepcionalidade. Estes lugares non poderán ser en ningún caso superficies arboradas ou zonas correspondentes a Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI).

Para solicitar este permiso os titulares dos dereitos de aproveitamento deberán acreditar perdas de difícil ou imposible reparación pola prohibición de pastoreo ou a inexistencia de alternativas a esta actividade nas áreas afectadas polos lumes forestais dentro da mesma demarcación forestal. Será necesario tamén estar inscrito no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo e presentar unha solicitude á xefatura territorial da Consellería do Medio Rural.

Segundo a consellería, “non é a primeira vez que se outorgan este tipo de autorizacións que permiten o acceso do gando a superficies queimadas, sempre que se garanta que non produza un prexuízo medioambiental no monte. Na actualidade, esta excepcionalidade cobra especial relevancia pola ampla superficie afectada tras a vaga de lumes de outubro e que se suma á situación de seca acumulada en Galicia no último ano. Ambas circunstancias dificultan a alimentación do gando en extensivo e de aí que a Xunta decida habilitar este tipo de medidas para dar resposta á necesidades dos gandeiros”.

Artigos relacionados

Back to top button