EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Medio Rural reúnese cos consellos reguladores para abordar as axudas á reconversión do viñedo

Non se subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural

O borrador da orde de axudas aos plans de reestruturación e reconversión da viña en Galicia e a súa convocatoria para o ano 2018 abordábanse nunha xuntanza que a Consellería do Medio Rural mantiña cos representantes dos consellos reguladores das cinco denonimnacións de orixe: Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas. Na reunión, presidida pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, acordáronse por unanimidade modificacións as condicións destas subvencións.

“Por primeira vez, en Galicia iguálase a participación financeira dos plans individuais á dos colectivos, demanda promovida dende a Xunta ante o Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente (Mapama), sen prexuízo de que os plans colectivos, entre outros criterios, sexan prioritarios no procedemento de selección das solicitudes”, segundo se destaca dende a Consellería do Medio Rural.

Ademais, coma novidade este ano, “valorarase a contratación dos seguros agrarios para a uva de vinificación así como a concentración de superficie vitícola nunha única parcela. Así mesmo, seguirán tendo prioridade aqueles mozos que se inicien na actividade vitícola cunha atención preferente ás mulleres labregas, titulares ou cotitulares dunha explotación vitícola”, citando de novo a información facilitada por Medio Rural.

As actuacións que se financiarán con cargo a estas axudas son: a reimplantación de viñas, a reconversión varietal e a mellora das técnicas de xestión das viñas. Unha vez acordados os requisitos, a orde continúa a súa tramitación de cara á súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG). Poderán beneficiarse destas axudas os viticultores, sexan persoas físicas ou xurídicas, con independencia da forma xurídica da agrupación, con viñas destinadas á produción de uva para vinificación. Non obstante, non se subvencionarán as novas plantacións de viña nin tampouco a renovación normal das viñas que chegasen ao final do seu ciclo natural.

Neste contexto, a directora de Gandaría adiantou que o seu departamento xa está a piques de rematar a análise dos custos reais e a súa metodoloxía de revisión das operacións subvencionables, de acordo co compromiso adquirido co sector vitivinícola galego. A intención é buscar a súa actualización e poder subvencionar de novo a man de obra propia cunha mellora considerable desta axudas de cara a vindeira convocatoria do ano 2019.

Artigos relacionados

Back to top button