OurenseÚltima hora

Medio Rural sinala a “clara intencionalidade” dos 255 incendios nocturnos do último mes en Galicia

Producíronse nun horario no que os medios aéreos non poden actuar e ademais 29 iniciáronse con dous ou máis focos simultáneos, segundo a consellería

 

No último mes Galicia rexistraba 568 incendios, dos cales 255 producíronse nun horario no que os medios aéreos non poden actuar e 29 iniciáronse con dous ou máis focos simultáneos. Así o sinalaba neste 13 de agosto o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González. Na súa intervención destacaba que a metade destes lumes -un total de 284- amosan así “claros indicios de intencionalidade, ao igual que o feito de que se rexistraran en condicións de temperaturas elevadas ou vento forte”.

O conselleiro adiantou estas cifras na localidade ourensá de Monterrei (nun dos distritos forestais máis castigados polo lume), a onde acudiu para comprobar o traballo de tres drons utilizados polos axentes ambientais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais (SPDCIF) da Xunta precisamente para labores de vixilancia, disuasión e persecución da actividade incendiaria.

Neste contexto, o conselleiro salientou que “fronte a esta intencionalidade incendiaria, a combinación do traballo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, da profesionalidade dos axentes e demais persoal do Servizo e da colaboración cidadá está a dar resultados na investigación”. Puxo como exemplo disto os dous presuntos responsables de varios incendios pillados in fraganti durante a fin de semana, un dos cales xa ingresou en prisión por orde do xuíz.

 

Un dos drons usados en labores de vixilancia, en Monterrei.

Artigos relacionados

Back to top button