OurenseÚltima hora

Medio Rural traballa nun novo plan de pastoreo específico para o Macizo Central

Estará dotado cun orzamento duns 800.000 euros, segundo lle adiantaba o conselleiro aos alcaldes desta zona nunha reunión celebrada en Monterrei
Gando nunha das zonas do Macizo Central Ourensán./ Foto: Carlos G. Hervella.

O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de manter na tarde deste mércores 16 de xaneiro unha xuntanza en Monterrei cos alcaldes do Macizo Central na cal informaba sobre o plan de pastoreo no que traballa o seu departamento de xeito específico para o Macizo Central ourensán, e que está dotado cun orzamento duns 800.000 euros. O seu obxectivo principal é fomentar a ordenación e posta en valor deste aproveitamento en toda a zona, así como mellorar a loita contra os incendios forestais, segundo adianta Medio Rural.

O plan contempla a análise da situación dos pastos, da estrutura e distribución do gando no monte e das necesidades en canto a terreos e infraestruturas como peches, etc., co fin de levar a cabo unha regularización da actividade buscando harmonizar os intereses de todos os implicados, fundamentalmente gandeiros e titulares dos terreos. O conselleiro José González sinalou que con esta iniciativa búscase mellorar a prevención e loita contra os incendios forestais, xa que está demostrado que a posta en valor do monte e o aproveitamento dos seus recursos endóxenos –neste caso, de maneira específica, os pastos– repercute de xeito positivo na defensa fronte o lume.

Por outra banda, dende a consellería tamén se manifestaba que se vai “involucrar á sociedade civil na loita contra a actividade incendiaria, especialmente naquelas zonas de Galicia con lumes recorrentes”. Con esta finalidade, o conselleiro José González solicitou a colaboración dos alcaldes do Macizo Central ourensán “para que eles mesmos percorran as parroquias con maior incidencia deste problema, acompañados por axentes forestais e efectivos dos corpos e forzas de seguridade do Estado, para informar os veciños e solicitar a súa colaboración, en particular no que atinxe á denuncia das prácticas delituosas incendiarias”.

Á xuntanza estaban convocados representantes dos concellos ourensáns da Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo, A Veiga, A Pobra de Trives, Manzaneda, Vilariño de Conso, Laza, Chandrexa de Queixa e Montederramo. Esta zona foi, precisamente, a máis afectada polos últimos lumes rexistrados na nosa comunidade. Foron 90 en total (a maioría, 58, na provincia de Ourense) desde o pasado 30 de decembro ata o 13 de xaneiro e o 90% deles foron intencionados. O titular de Medio Rural lembrou que a Xunta vai poñer en funcionamento un número de teléfono gratuíto e específico para denunciar condutas incendiarias, no que se garanta o anonimato do denunciante.

 

Imaxe da reunión celebrada en Monterrei.

Artigos relacionados

Back to top button