OurenseÚltima hora

Medio século de historia de Trasmiras en imaxes no libro “Memoria Temoeira”

O conxunto de fotografías desta obra quedará exposto de xeito permanente na Casa da Cultura deste municipio

 

Máis de duascentas persoas participaron esta tarde, no pavillón polideportivo do Concello de Trasmiras, na presentación oficial do libro “Memoria Temoeira”, un recompilatorio de imaxes do medio século de historia das xentes do lugar entre os anos 1940 e 1990. No acto, que estivo presidido polo alcalde, Emilio José Pazos Ojea, estiveron tamén presentes os responsables da idea que máis tarde acabaría transformándose no libro, e caras moi coñecidas vinculadas co municipio como o lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz ou a escritora Clara Martín.

Un grupo de facebook creado meses atrás foi o xerme desta publicación, para a que se seleccionaron máis de 250 imaxes das case un milleiro que inicialmente aportaron os veciños do concello de Trasmiras. Patri Ayuso, Marisol Méndez e Plácido López Rodríguez foros os encargados de recoller, seleccionar, dixitalizar e darlle forma ao libro presentado esta tarde, edición na que tamén colaborou (ademais do propio Concello de Trasmiras) a librería Aira das Letras de Allariz, onde tamén está a venda.

Na presentación, o rexedor Emilio José Pazos, anunciou que todas as imaxes recollidas no libro quedarán expostas de xeito permanente na Casa da Cultura de Trasmiras porque “todos os que chegamos até aquí somos froito e produto dos nosos antepasados, da nosa xente, que loitaron e viviron épocas moi duras e que merecen todo o noso recoñecemento. O primeiro paso que todos temos que dar para que o noso rural non esmoreza é lembrar de onde vimos, e así termos moi claro a onde queremos chegar”, apuntou Pazos Ojea.

A banda de gaitas do Concello de Trasmiras, dependente da Escola Municipal foi a encargada de pór a nota musical ao evento, tanto no propio pavillón coma no pasarrúas previo á celebración do acto.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button