A VeigaConcellosÚltima hora

Meixide (A Veiga), declarada nova aldea modelo de Galicia

Trátase da décimo segunda aldea con estas características aprobada pola Xunta, a meirande parte delas na provincia de Ourense

 

A Consellería do Medio Rural vén de declarar o núcleo de Meixide, no concello da Veiga, como nova aldea modelo de Galicia. Trátase da décimo segunda aldea con estas características aprobada na nosa comunidade, a meirande parte delas na provincia de Ourense.

Neste caso, a iniciativa de aldea modelo, que promove a Xunta, pretende “recuperar as terras en abandono da contorna da aldea, para así contribuír á súa posta en valor, mellorando a calidade de vida da súa poboación e, ao tempo, reforzar a prevención dos lumes na proximidade das vivendas”. Esta actuación permitirá recuperar unha superficie de 71,28 hectáreas deste núcleo de poboación, para destinalas á produción gandeira en extensivo. Actuaríase nun total de 647 parcelas de 151 propietarios, segundo informa a Consellería do Medio Rural.

Así, nesta aldea realizarase a limpeza e a recuperación da faixa dos 50 metros máis próxima aos núcleos de poboación, no marco do convenio de protección das aldeas fronte o lume posto en marcha pola Xunta, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Ademais, o resto dos terreos ata o total da actuación (neste caso ata as 71,28 hectáreas), que pode acadar faixas de máis dos 150 metros, será posto en produción mediante a actuación da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural en colaboración cos produtores interesados no seu aproveitamento, para así crear actividade agrogandeira nelas mediante produción gandeira extensiva ou cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc.

Ao mesmo tempo, o conxunto dos terreos recuperados funcionarán como devasa natural fronte o lume, xa que serán os cultivos os actúen como método de protección, sen necesidade de rozar e limpar de forma periódica, segundo Medio Rural.

Todos os terreos recuperados serán incorporados ao Banco de Terras de Galicia, de maneira que as persoas titulares reciban unha compensación económica anual. Isto é, a aldea modelo suporá a obtención dun rendemento económico directo ou indirecto tanto para as persoas propietarias dos terreos –que conservarán sempre a titularidade das parcelas ao tempo que reciben un pago por arrendamento– como para os interesados na súa posta en produción.

Artigos relacionados

Back to top button