ConcellosÚltima horaVilariño de Conso

Melisa Macía: “Estamos vivindo uns días moi tristes no concello de Vilariño polo lume”

A rexedora de Vilariño de Conso destaca a indinación da veciñanza ante os incendios que vén sufrindo o municipio nas últimas semanas

Melisa Macía, alcaldesa de Vilariño de Conso, facendo declaracións ao Periódico O SIL./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Os incendios que dende hai dúas semanas vén sufrindo Vilariño de Conso preocupan e moito aos seus veciños. Esta tarde quedaba extinguido un en Chaguazoso, pero continúa ardendo, superando xa as 500 hectáreas, outro en Sabuguido. A alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía, destaca a tristura e indignación da veciñanza ante esta situación e as negativas consecuencias da mesma.

“Estamos vivindo uns días moi tristes no concello de Vilariño. Deitámonos con lume e levántamos aínda peor. A xente está desolada e moi indignada porque non sabemos a qué se debe esta lacra de incendios que está arrasando o municipio”.

 

 

Ademais a rexedora sinala a intencionalidade destes lumes. “Isto está facéndose cunha intencionalidade premeditada, cun modus operandi  similar ao do resto da provincia: cando chega a noite, cando fai aire, cando non chove… Hai xente que se dedica a plantar todas as noites e a ternos en vilo, sen poder durmir e apagando, porque aínda onte á noite os veciños tiveron que saír a apagar para que non peligraran as súas casas”.

Melisa Macía asegura que “non entendemos por que, con que sentido se queima o monte, o futuro dos nosos fillos, con que sentido se queiman os soutos, os colmeares… Son cousas que non caben na cabeza de ninguén e de ningún vilariñés. Por iso pedimos a colaboración a todos os veciños para que calquera persoa que vexa algo sospeitoso que o poña en coñecemento noso, de Medio Rural…”.

A rexedora pide que chegue pronto a choiva para poder extinguir os lumes con máis facilidade e prepárase para unha noite que pensa que vai ser, novamente, complicada en terras de Vilariño de Conso.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close