PolíticaÚltima hora

Melisa Macía liderará a candidatura do PP en Vilariño de Conso nas eleccións locais

Di que quere ao seu carón “un equipo preparado, que incorpore xente nova e sobre todo traballadora”

 

Melisa Macía, candidata á alcaldía de Vilariño de Conso, co presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar.

Chegou á política local como concelleira en Vilariño de Conso nas eleccións locais de 2015 e, tras asumir a alcaldía no verán de 2017, Melisa Macía será por vez primeira candidata do PP á alcaldía en Vilariño de Conso. Deste xeito o partido respalda o labor que ten realizado ata agora, “un importante traballo no que destaca a capacidade de Melisa para conectar coa xente, característica fundamental nunha persoa que aspire a
gobernar un concello”, sinala o presidente provincial do PP, Manuel Baltar.

Como candidata, Macía Domínguez ten claro que o obxectivo fundamental “é seguir formulando iniciativas que permitan crear no concello as condicións necesarias para a xeración de emprego e de riqueza, favorecendo que a mocidade teñas oportunidades suficientes para quedarse”. Todo elo sen esquecer unha realidade como é a poboación maior “para a que xa estamos a dar os pasos que fagan realidade a residencia que necesitabamos”.

Macía, que quere ao seu carón “un equipo preparado, que incorpore xente nova e sobre todo traballadora”, ten unha positiva percepción de apoio entre a veciñanza, “xa que aí está o aval de catro anos no que cumprimos co noso programa electoral, que se pode comprobar porque non vendemos fume como fan outros”, conta.

Para Manuel Baltar, “non hai candidata mellor para liderar a lista en Vilariño de Conso, pero sobre todo non hai mellor alcaldesa para este concello”. Ademais o presidente provincial agradece a decisión de Melisa Macía para dar de novo un paso adiante e resalta que a candidata “demostrou en todo este tempo que ten empuxe dabondo e sobre todo que sabe conectar coa xente”. A súa mocidade, engade, “é un valor polo dinamismo que transmite e,
malia ser unha das alcaldesas máis novas, deixou claro que ten unha boa capacidade de xestión que se pode ver nos proxectos realizados e nas ideas que xa ten para un próximo mandato”.

Artigos relacionados

Back to top button