En portadaÚltima hora

Melisa Macía toma posesión como alcaldesa de Vilariño de Conso

A rexedora popular era elixida no pleno extraordinadio celebrado o 4 de agosto

Despois da dimisión do anterior rexedor, Ventura Sierra Vázquez (na alcaldía durante máis de 30 anos), o Concello de Vilariño de Conso comeza  unha nova etapa. E faino coa popular Melisa Macía Domínguez (primeira tenente de alcalde) ao fronte dunha corporación municipal gobernada polo Partido Popular, con 4 concelleiros fronte aos 3 de AIVIC tralas eleccións de 2015.

Apenas quince minutos duraba o pleno extraordinario celebrado na mañá do 4 de agosto con dous únicos puntos na orde do día: a toma de posesión de Néstor Requejo Pérez como concelleiro do PP e a elección de alcalde.

 

Asistentes ao pleno de investidura da alcaldesa de Vilariño de Conso.

Unha vez que Requejo Pérez prometía o seu cargo e, nun salón de plenos cheo de xente (deputados, alcaldes, familiares, veciños e compañeiros de partido), procedíase á elección do novo alcalde de Vilariño de Conso entre as dúas candidatas: a independente Mª Esther Alonso e a popular Melisa Macía, que era elixida por maioría absoluta cos 4 votos do seu partido.

Con ese resultado, Melisa (probablemente a alcaldesa máis xove de Galicia) era proclamada alcaldesa electa, un posto que xuraba antes de dirixirse aos presentes citando a Víctor Hugo para explicar que lle deron “unha oportunidade de facer que o concello de Vilariño de Conso sexa un lugar mellor para todos os vilariñeses”. Hoxe “comeza unha nova andaina na miña vida”, dixo Melisa, neste caso como servidora pública, asegurando que se pon “a disposición de todos os veciños, comprometéndome a ser alcaldesa de todos, antepoñendo sempre o interese xeral do concello”.

 

Néstor Requejo Pérez tomando posesión como concelleiro do Partido Popular.

Orgullosa e honrada de poder representar ao pobo que a viu crecer, a xa alcaldesa asegurou que o fará “con humildade, escoitando sempre as suxerencias dos veciños e compartindo e resolvendo as súas inquedanzas e problemas, facendo así un Vilariño mellor onde vivir”.

Consciente da responsabilidade que asume co pobo “garantízolle compromiso, unidade e adicación” para o cal conta “cun fantástico equipo de goberno que auna a miña xuventude coa experiencia e sabiduría do resto dos meus concelleiros”, así como “cun gran equipo humano de traballadores que día a día co seu traballo e dedicación son quen moven o timón”.

 

Melisa Macía durante a súa intervención tras xurar o cargo.

Ao grupo da oposición pídelle “diálogo para limar as nosas asperezas”, asegurnado, que “traballemos conxuntamente polo ben deste concello que sen dúbida repercutirá tamén no benestar de toda a veciñanza”, rematando a súa intervención lembrando ao anterior alcalde, Ventura Sierra “unha persoa especial, motivo de que hoxe esté aquí. O meu pai político” para quen pediu un forte aplauso.

Antes de finalizar a sesión, a líder da oposición, Mª Esther Alonso asegurou que “un concelleiro municipal é o escalofón máis baixo na politica pero non é menos importante dado que é o que trata de forma máis próxima e directa coa cidadanía, por iso debemos dar exemplo e propiciar o que consideramos unha das condicións máis importantes de vivir en democracia, poder opinar dende a educación e o respecto”. Alonso dixo entender que se inicia unha nova etapa para o concello “e só nos podemos permitir que sexa mellor. Agora é responsabilidade súa que así sexa. A nosa disposición é clara e se ten a ben contar coas nosas opinións estaremos dispostos a participar e traballar en beneficio de todos os veciños”, dixo dirixíndose á alcaldesa electa.

Tralo pleno, moitos dos asistentes compartiron un aperitivo na cafetería do Marcolongo.

 

O público aplaudindo trala intervención da alcaldesa que lembrou ao seu antecesor, Ventura Sierra.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button