DeportesÚltima hora

Mellora e acondicionamento do campo de fútbol municipal As Carrelas de Viana do Bolo

As obras que veñen de ser licitadas polo Concello teñen un orzamenteo de máis de 23.000 euros
Xogada do C.D. Viana no campo de fútbol municipal As Carrelas./ Foto: Carlos G. Hervella.

Hai tempo que directiva e xogadores do C.D. Viana se queixan do mal estado no que se atopa o campo de fútbol municipal As Carrelas. Unha situación que cambiará proximamente xa que o Concello de Viana do Bolo vén de sacar a licitación o seu acondicionamento para o que destinaron un orzamento de 23.600 euros, tal como adianta o alcalde Secundino Fernández.

Nos próximos días adxudicarase a mellora e acondicionamento do campo que consistirán fundamentalmente na substitución do céspede mediante medios mecánicos; e a colocación dun novo sistema de rego automático enterrado que solucionará un dos principais problemas que tiña o campo; cuestión que dificultaba enormemente a conservación do céspede. “Con este novo sistema conseguirase un rego automatizado de todo o terreo de xogo e de paso necesitarase moito menos tempo de traballo para realizar esta operación do que se necesitaba co sistema antigo de regadores”, explica o alcalde. Por último mellorarase o terreo, aplicando unha capa de area e procedendo a unha nova sementeira. “Faranse tamén todas as operación post emerxencia do céspede, eliminando malas herbas, escarificando…”, co obxectivo de ter un campo nas mellores condicións para o comezo da liga 2018-2019 no mes de setembro.

O alcalde asegura que a proposta foi tratada coa directiva do C.D. Viana antes de proceder a sacala a concurso, amosándose “moi interesada e de acordo en mellorar as instalación da forma proposta polo goberno municipal” que xa actou nas instalacións nesta lexislatura “mellorando os vestiarios con calefacción, novas duchas, novo sistema de auga quente,…”

Artigos relacionados

Back to top button