ConcellosQuirogaÚltima hora

Melloras na cuberta da Casa da Cultura de Quiroga

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobaba hoxe xunto co alcalde de Quiroga e co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias as melloras levadas a cabo nesta edificación

 

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, recibía esta mañá a visita da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, que, acompañada tamén polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, achegábase ás obras de rehabilitación levadas a cabo na cuberta da Casa da Cultura do concello, ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, que contou cunha axuda de preto de 34.000 euros.

Natalia Prieto explicou que debido á antigüidade da edificación, a cuberta presentaba un nivel grave de deterioro con filtracións no interior do edificio o que provocaba goteiras en case todas as dependencias da planta baixa e alta do edificio, de aí a necesidade do concello de levar a cabo esta obra nunhas dependencias onde se desenvolven moitas actividades lúdicas, educativas, deportivas e culturais deste concello lucense.

A Xunta financiou estes traballos no marco da Orde de infraestruturas de uso público, coa que apoia as iniciativas dos concellos galegos para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais. Na convocatoria deste ano, o Goberno galego mantén o orzamento de 4 millóns de euros que destinou o ano pasado a esta liña de axudas, despois de incrementalo en 2020 nun millón de euros respecto do orzamento do 2019.

A directora xeral de Administración local tamén visitou a parcela municipal na que se levarán a cabo as actuacións necesarias para a súa recuperación ambiental. No marco dun convenio co concello que se aliña aos obxectivos do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta destina case 75.000 euros destinados a resolver a degradación ambiental da finca e a súa posta en valor contribuíndo á rexeneración desta área para que sexa posible levar a cabo outras actuacións urbanísticas.

Os traballos inclúen o desbroce da parcela, a adecuación do terreo, a creación de camiños e tarefas de axardinamento, colocación de mobiliario, instalación de saneamento, fontanería e alumeado. A través do Fondo de Compensación Ambiental a Xunta colabora cos concellos en melloras ambientais coma estas cun investimento de 11 millóns de euros na convocatoria deste ano.

O Concello de Quiroga recibiu nos últimos anos case 754.000 euros das diferentes liñas de axudas da Vicepresidencia Primeira. Tanto a través da Orde de Infraestruturas de uso público, para o acondicionamento, urbanización e pavimentación da praza pública de Pacios de Mondelo; e mediante o Fondo de Compensación Ambiental, na mellora no abastecemento e reparación de estanques en núcleos de Quiroga e tamén contou cunha axuda para vixilancia ambiental e mellora dos abastecementos de augas e áreas recreativas co concello de Ribas de Sil.

Este concello foi galardoado co Premio Coopera no ano 2014, dotado con 12.500 euros, no marco do consorcio de Turismo Ribeira Sacra, xunto aos concellos de A Pobra de Brollón, Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, O Saviñao, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Sober ,Taboada (Lugo); A Peroxa, A Teixeira, Castro Caldelas, Esgos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, Xunqueira de Espadañedo (Ourense).

A directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e a local, que é a mellor coñecedora das necesidades e demandas da veciñanza, xa que grazas a estas axudas, os concellos galegos levan a cabo actuacións que repercuten en melloras directas para o día a día dos cidadáns e que non se poderían levar a cabo en moitas ocasións se non fose pola colaboración entre Xunta e concellos.

Artigos relacionados

Back to top button