ConcellosQuirogaÚltima hora

Melloras nas rutas de Quiroga incluídas na Rede Natura 2000

Foto: Concello de Quiroga.

 

As rutas de sendeirismo que o Concello de Quiroga ten dentro da Rede Natura veñen de ser obxecto dunha mellora que conlevou traballos de limpeza, sinalización, recuperación de elementos danados e creación de pequenas infraestruturas. O proxecto que se realizou en dúas anualidades (2020-2021) contou cunha axuda duns 17.000 € aportados pola Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia por tratarse de rutas incluídas na Rede Natura 2000. O 36,83% da superficie do Concello de Quiroga pertence á Rede Natura.

Os traballos de limpeza e sinalización mediante franxas paralelas en cor branca e amarela realizáronse nas rutas homologadas do Val do río Quiroga (PR-G 193), do Pregamento Xeolóxico de Campodola – Campos de Vila (PR-G 192), na circular da Lagoa da Lucenza (PR-G 184), , no camiño do Ferradal (PR-G 187), na ruta da Seara a Rugando (PR-G 191) e na ruta Circular Montouto (PR-G218), tal e como informa o Concello de Quiroga.

Ademais, coa sinalización na ruta da Seara a Rugando (PR-G 191) recuperouse un camiño que durante séculos se empregou para baixar o mineral de ferro desde os xacementos do Monte Formigueiros ata as ferrerías do Mazo, Soldón, Outeiro e Rugando. Foi a principal vía de comunicación dende as zonas de montaña ata o val do Sil.

No Camiño Tradicional de Vilarbacú ao Pía Páxaro acometéronse melloras encamiñadas á recuperación deste contorno mineiro. Ademais da sinalización, limpouse o sendeiro tradicional das casas da mina ao Pía Páxaro e o camiño á boca da mina do Cofarín. Creouse un punto de observación do complexo mineiro de Vilarbacú coa colocación de dous paneis interpretativos e sinais de dirección para chegar a este punto. A antiga mina de antimonio foi unha das máis importantes de España, chegando a ter unha produción de 260 toneladas de mineral antes do seu abandono no ano 1958.

Así mesmo, na ruta Circular de Montouto (PR-G218) que percorre os bosques autóctonos das devesas de Montouto, Mazales e o Cervo, recuperouse a ponte de madeira tradicional na entrada da devesa do Cervo.

Ademais do acondicionamento de todas as rutas da Rede Natura tamén se realizaron traballos no souto da caleira de Cereixido. Mellorouse o camiño de acceso e recuperouse un novo forno de cal que estaba soterrado. O novo forno, moi preto do que xa se podía visitar nesta zona, estaba practicamente enterrado. “A singularidade deste lugar radica agora en que é o único que se coñece que teña dous fornos de cal xuntos, e incluso non se descarta a posibilidade de que haxa algún máis”, aseguran dende o Concello de Quiroga.

Artigos relacionados

Back to top button