Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Membros da Guardia Real propoñen ás institucións facer un acto de exhibición en Ourense no mes de maio

A comitiva estaba formada por dous comandantes e un tenente e foron recibidos na  Subdelegación do Goberno, no Concello e na Deputación

Tres representantes da Guardia Real; o comandante de Relacións Institucionais, Francisco Javier Rodríguez; o comandante de Operacións, David Ramajo; e o tenente de Loxística, Gonzalo León, acompañados polo subdelegado de Defensa en Ourense, Gustavo Doncel, percorreron as diferentes institucións de representación pública de Ourense para reunirse cos seus representantes para propor a realización dun acto, no vindeiro mes de maio, para dar a coñecer á cidadanía as diferentes actividades e misións realizadas por este corpo, que representa ás Forzas Armadas ao servizo da Súa Maxestade O Rei, xa que está formado polos exércitos de Terra, a Armada, o Exército do Aire e os Corpos Comúns das Forzas.

Estas actividades enmárcanse dentro do programa de instrución que cada ano realiza o exército nunha provincia española. O acto servirá para amosar á cidadanía as diferentes unidades e as súas capacidades para cumprir coas misións que ten encomendadas.

Dentro do seu itinerario de visitas estivo a Subdelegación do Goberno na capital das Burgas. Alí foron recibidos polo propio subdelegado, Roberto Castro, canda a representación da Guardia Civil e da Policía Nacional.

O Concello tamén recibiu a esta comitiva. O alcalde da cidade, Jesús Vázquez, reuniuse con estes representantes para tratar o tema das liñas de cooperación para levar a cabo a proposta da Guardia Real de facer esas demostracións. Na reunión no consistorio tamén estiveron presentes os concelleiros Jorge Pumar, Belén Iglesias e Carlos Campos, así como a intendente xefe da Policía Local, María Barrera.

A terceira institución pública que visitaron os representantes da Guardia Real para propor o seu evento foi a Deputación. Alí foron recibidos polo presidente provincial, Manuel Baltar. O presidente provincial ofreceu toda a colaboración da Deputación para levar a cabo os eventos que prevén realizar na provincia.

Artigos relacionados

Back to top button