OurenseÚltima hora

Memoria material do Castro da Saceda (Cualedro)

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense presenta un conxunto de pezas recuperadas neste xacemento como “Peza do Mes de Outubro”
Conxunto de materiais do Castro de Saceda, no concello ourensán de Cualedro./ Foto: Fernando del Río/ Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.
Conxunto de materiais do Castro de Saceda, no concello ourensán de Cualedro./ Foto: Fernando del Río/ Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Unha punta palmela, unha doa oculada e unha agulla ou alfinete. Son obxectos recuperados décadas atrás nas escavacións realizadas no Castro da Saceda (Cualedro), situado aos pés da Serra do Larouco, e que veñen de ser escollidos polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense como “Peza do Mes de Outubro”.

Proceden do sector máis setentrional do castro ou porta norte e foron recuperados nunha das campañas arqueolóxicas dirixidas polo profesor Antonio Rodríguez Colmenero entre 1982 e 1984. Estas intervencións permitían “descubrir un importante sector no recinto superior ou acrópole así como a entrada máis setentrional do xacemento ou porta norte. Lugar onde foron atopados os materiais aquí descritos”, tal e como explica Martiño Xosé Vázquez Mato no texto explicativo sobre a Peza do Mes que publica o museo ourensán. Este arqueólogo será asemade quen realizará a presentación deste conxunto de obxectos no acto previsto para o 14 de outubro ás 20h. na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco en Ourense.

Trátase de materiais dunha cronoloxía diferente e que deixan aberta a posibilidade de que este poboado estivese ocupado dende o Calcolítico ata a Romanización. Así a punta palmela (elaborada en cobre con impurezas de níquel) sitúase, segundo o estudo realizado pola investigadora Beatriz Comendador, en torno ao 2.000 antes de Cristo, nun “contexto cultural Calcolítico-Campaniforme”, citando de novo ao arqueólogo que fará a exposición.

No referente á doa oculada (de pasta vítrea) “pódese propoñer unha orixe que podería remontarse ata o século IV a.C. aproximadamente, estando vixente o seu uso ata a Fase III como apuntan modelos semellantes encontrados en castros tardíos da provincia de Ourense, como Santomé ou San Cibrao de Las, ou en xacementos propiamente romanos como o campamento militar de Aquae Querquennae”, segundo expón Vázquez Mato na publicación sobre estas pezas. Finalmente, a agulla ou alfinete (de bronce) enmárcase dentro da Fase III da Cultura Castrexa, “un período que arrancaría a finais do século II a.C. e perduraría ata o cambio de era”, indica este arqueólogo.

Artigos relacionados

Back to top button
Close