CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

“Memorias dun neno labrego” de Neira Vilas cumpre 60 anos

 

“Memorias dun neno labrego”, obra mestra de Xosé Neira Vilas, cumpre seis décadas. Saía do prelo da editorial Follas Novas de Bos Aires en xaneiro de 1961. Este aniversario conmemorábase esta mañá cun acto no que participaba o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal.

Neste evento, o conselleiro de Cultura resaltaba a capacidade da obra de seguir transmitindo, 60 anos despois, “o orgullo pola lingua e a querenza pola literatura desde a infancia, así como por ter espertado a paixón pola lectura a numerosas xeracións de galegos e galegas” converténdose, dixo, “na obra máis lida e traducida da literatura galega, best seller e símbolo universal”.

Ademais aludía á vixencia deste libro, que segue presente nas escolas e centros de ensino e entre os centos de lectores que aínda hoxe segue colleitando en todo o mundo. Neste sentido, referiuse ás súas 35 edicións e aos máis de 700.000 exemplares, así como as traducións a idiomas como o alemán, o sueco, o romanés, ucraíno, búlgaro, o esperanto, o checo, o maia ou o ruso e á súa edición en Braille, o que o converten no libro escrito en galego máis traducido e editado.

A conmemoración desta efeméride completouse coa presentación do documental “Un legado de futuro”, un novo contido audiovisual que achega datos relevantes sobre Neira Vilas o seu tempo e a súa obra.

Seis décadas despois da súa publicación e un lustro desde o pasamento de Neira Vilas, “Memorias dun neno labrego” segue revalidando o seu posto entre as dez obras máis vendidas en 2020 pola Editorial Galaxia. Ademais, numerosas adaptacións e iniciativas sociais, editoriais, teatrais, audiovisuais, musicais e pictóricas configuran e completan o universo Balbino, a herdanza artística do autor de Vila de Cruces máis universal.

Artigos relacionados

Back to top button