En portadaÚltima hora

En Galicia permitirase a mobilidade, por visitas familiares, o 6 de xaneiro entre as 6h. e as 23h

Esta medida aplicarase incluso nos concellos que se atopan perimetrados, segundo informa Sanidade

Panorámica do concello da Rúa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

En Galicia permitirase a mobilidade entre concellos, incluso nos que se atopan perimetrados, como é o caso da Rúa, Xinzo ou Verín; durante o vindeiro mércores, día 6 de xaneiro, entre as 06,00 e as 23,00 horas. Ao igual que aconteceu nas pasadas festas, cinguíndose a posibilidade destes desprazamentos ás visitas familiares.

Así o vén de anunciar a Consellería de Sanidade, tras a xuntanza do comité clínico de hoxe, na que tamén se decidía rebaixar ao nivel básico as restricións nos concellos de Carnota e As Pontes. Deste xeito suprímeselles as limitacións de mobilidade que tiñan ata o de agora.

Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou engadir ao listado de vixilancia especial aos concellos das comarcas da Coruña e Santiago de Compostela.

Todas estas medidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia de hoxe e entrarán en vigor ás 00,00 horas de mañá martes.

A decisión de manter as restricións vixentes en toda Galicia vai ser revisada na xuntanza do próximo venres, xa que o grupo de expertos acordou que é necesario agardar uns días para poder avaliar a evolución epidemiolóxica logo das medidas adoptadas polas festas do Nadal e fin de ano.

Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.

Artigos relacionados

Back to top button