CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

O Menhir “Marco da Pedra Longa” xa pode verse en Sober

Conta cun espazo expositivo propio na Oficina de Turismo desta localidade lucense

Dende o ano 2002 estaba exposto no patio do Museo Provincial de Lugo, sen embargo agora o Menhir “Marco da Pedra Longa” conta cun espazo expositivo de seu na Oficina de Turismo de Sober (Lugo). A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia autorizaba o cambio de depósito desta peza arqueolóxica ao considerar que a citada oficina “reúne as condicións de conservación preventiva axeitadas para os materiais arqueolóxicos que garanten o cumprimento de todas as condicións necesarias para o depósito de este tipo de pezas”.

Ademais este organismo autonómico apunta que esta oficina “é un edificio de recente construción, aberto ao público con persoal de atención aos visitantes e orientación para as visitas turísticas”. E sinalan que “situado ao pé da Casa do Concello, conta cun horario accesible e regular durante todo o ano para a visita pública e medidas de seguridade para a correcta custodia”.

Dende o 21 de xullo a peza está xa nesta Oficina de Turismo e con motivo disto tiña lugar un acto no que participaban o alcalde, Luis Fernández Guitián, o arqueólogo que descubriu a peza, Iván Álvarez Merayo, e os restauradores que ralizaron a limpeza do menhir, Pepe Barxa e Santiago Cobelo.

O menhir foi atopado polo arqueólogo Iván Álvarez Merayo durante as tarefas de control arqueolóxico das obras de mellora da vía férrea entre Monforte de Lemos e Canabal. Atopábase caído contra unha pequena canle de regadío no lugar da Veiga, parroquia de Canabal, en Sober. Está feito nunha pedra granítica alongada de sección xeral cuadrangular sen arestas. Mide 176 centímetros de longo e ten un diámetro de entre 110 centímetros na parte superior e 180 centímetros no corpo. Ademais, e segundo a súa morfoloxía, os expertos aseguran que se trataría dun menhir do Neolítico.

O Centro de Recepción de Visitantes ou Oficina de Turismo onde pode verse agora está aberto de 9:30 a 14:00 e de 16:00 a 18:30 de martes a sábado. Os domingos o horario é de mañá.

Fotos: Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button