CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Mergullándose na percusión tradicional galega en Castro Caldelas

A Asociación Cultural Bran organizaba un curso impartido polo recoñecido percusionista ourensán Khinos Saburido

Ao redor das singularidades e claves da percusión tradicional galega xiraba o cursiño que Khinos Saburido impartía o 12 de novembro no salón nobre do Castelo de Castro Caldelas. Media ducia de persoas asistían a estas sesións, sumamente amenas e interesantes, tal e como destacaba a Asociación Cultural Bran, promotora da actividade.

Este ten sido ademais o primeiro curso de percusión que o músico ourensán Khinos Saburido imparte na provincia, quen agradecía á iniciativa da asociación. O curso centrabáse na “técnica contemporánea de baqueta aplicada a tamboril tradicional, é dicir, toda a técnica tanto clásica como de tambor técnico levada cara a percusión tradicional para explotar o instrumento o máximo posible. Tamén houbo unha parte máis práctica de arranxos de tamboril e bombo, unha combinación entre os dous instrumentos para poder facer finais e empeces, ou preguntas e respostas entre uns e outros, para facer rítmicas entre uns e outros, tanto de muiñeira como de jotas, pasodobres, rumbas… todo os ritmos tradicionais”, explicaba Saburido.

Ademais os asistentes tiñan a oportunidade de “preparar tanto bombos, como tamborís, para poder aplicar esa técnica neles. O que fixemos foi unha regraxe tamén dos instrumentos que traían os participantes no curso, porque unha técnica contemporánea non pode ser aplicada nun tamboril ou non bombo que estea frouxo ou que non estea axustado ao que as nosas mans queren plasmar no parche, por iso temos que tamén regralos un pouquiño, cordalos, tensalos e preparalos para que nos dean esas tensións un pouquiño máis agudas”.

Este é o segundo curso promovido dende a Asociación Cultural Bran de Castro Caldelas neste ano tras o de afinación de gaita con Daniel Bellón, na pasada primavera.

Fotos: Asociación Cultural Bran.

Artigos relacionados

Back to top button