En portada

Mergullarse no turismo azul

Ourense posúe unha gran riqueza hídrica que inclúe “mares interiores”, ríos, fervenzas, lagoas e canóns
A Lagoa da Serpe en Trevinca (A Veiga)./ Foto: Carlos G. Hervella
A Lagoa da Serpe en Trevinca (A Veiga)./ Foto: Carlos G. Hervella

Ata hai apenas uns anos a visión que se tiña do recurso hídrico era case unicamente produtiva, pero a auga posúe múltiples facianas: medioambientais, económicas, culturais, sociais, turísticas ou deportivas. Implica, polo tanto, unha actitude integral pero tamén unha xestión sostible, así como a protección e conservación dos recursos hídricos.

Na actualidade o principal aproveitamento que se fai das augas que discurren pola xeografía da Galicia interior é o hidroeléctrico. Tamén está o termalismo, tendo en conta a riqueza en mananciais de augas minerais e termais que posúe Ourense e o feito de que Galicia é o principal destino termal de España. Pero o potencial dos recursos hídricos ourensáns vai moito máis alá. Na provincia existen un total de 23 presas e encoros (situados en 43 concellos). Son os de Alvarellos, Bao, Castrelo de Miño, Cenza, Chandrexa de Queixa, As Conchas, Edrada/Mao, Frieira, Guístolas, Montefurado, Peñarrubia, Pías (San Agustín), As Portas, Prada, San Martiño, San Pedro, San Sebastián, Salas, Santa Eulalia, Santo Estevo e Velle.

En conxunto constitúen un auténtico litoral interior de Ourense. Porén, o seu potencial turístico, recreativo e lúdico apenas está desenvolvido na actualidade. Unha das excepcións é o encoro Castrelo de Miño. Á súa beira poñíase en marcha en 1991 un club náutico co obxectivo de promover actividades náutico-deportivas. Comezouse pola vela, pero dende entón o abano de deportes foi medrando e inclúe tamén o windsurf, a vela lixeira, o remo ou o piragüismo. Nestes máis de vinte anos de traxectoria este encoro ten sido escenario de multitude de eventos deportivos, algúns deles de carácter internacional, como é o caso do Descenso do Remo do Ribeiro.

Ademais da práctica de actividades náuticas, os encoros e ríos ourensáns son tamén lugares que ofrecen a posibilidade de desfrutar do baño. A provincia conta cunhas 22 zonas de baño, sometidas a controis de calidade das augas pola Consellería de Sanidade. Entre elas destacan as praias fluviais do encoro de Prada na Veiga, a do río Ribeira na Gudiña ou a do encoro de Cardiego en Chandrexa de Queixa, que presentan un estado “excelente”, segundo o resultado dos últimos controis microbiolóxicos realizados dende Sanidade.

“O uso de baño das masas de auga é unha actividade que non necesita autorización previa por parte do organismo de conca, agás naquelas zonas que a Administración declara como zonas de baño. Esas praias fluviais si están sometidas a un control sanitario, non só da confederación, senón tamén da Consellería de Sanidade, de tal maneira que as dúas administracións facemos controis e comunicamos a información para ver e catalogar cada unha desas zonas segundo súa calidade e así informar aos usuarios”, explica o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín Muñoz. Asegura tamén que este tipo de aproveitamento de ríos e encoros en Ourense é semellante ao que existe noutras zonas do estado, se ben é maior “nas zonas centrais de España, onde a distancia á costa é maior”.

Texto: Ángeles Rodríguez Foto: Carlos G. Hervella
(A reportaxe íntegra pode lerse na edición en papel de agosto do Periódico O Sil).

Termas da Chavasqueira, na beira do río Miño en Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella
Termas da Chavasqueira, na beira do río Miño en Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button