PolíticaÚltima hora

Miguel A. Cid repite á fronte da lista do PP na Teixeira nas municipais

Leva 27 anos como rexedor neste municipio da Ribeira Sacra ourensá
Manuel Baltar, presidente do PP, co candidato popular á alcaldía da Teixeira.

Novamente Miguel Antonio Cid Álvarez (Celanova, 1950) liderará a lista que o PP presentará ás eleccións municipais de maio na Teixeira. Unha candidatura que acepta “con moito ánimo” e coa vista posta na ansiada declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade “co potencial que elo supón para nós e a comarca”.

Miguel Cid leva vintesete anos á fronte da alcaldía da Teixeira, sete mandatos como rexedor e un máis con anterioridade ocupando o posto de tenente alcalde, “sempre con moi bos resultados e co apoio maioritario da poboación”. Agora aspira a un oitavo mandato “tras consultalo cos compañeiros e mesmo cos veciños, que me deron tamén moito ánimo para presentarme”.

Neste tempo valora positivamente a súa xestión, aínda que recoñece que non se pode chegar a todo o que un querería para os seus veciños. “O cambio foi importante, pois conseguimos numerosos logros no tocante á prestación de servizos básicos, mellora de infraestruturas e mesmo favorecendo a instalación de pequenas empresas”, afirma. Con todo, engade, a viticultura e o turismo son os dous sectores estratéxicos máis importantes para o futuro do concello, o máis pequeño en número habitantes (332), pero cunha densidade de poboación moi parecida á media da provincia.

Nesta liña, Miguel Cid pon o punto de mira na esperada declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, “xa que o próximo mandato ten que estar dirixido á mellora de infraestruturas e á posta en marcha de proxectos locais e comarcais, apoiando a iniciativa privada, para aproveitar o tirón turístico que conleva unha declaración destas características”.

Desde a dirección provincial do PP, Manuel Baltar referenda tamén estas palabras, consciente de que a citada distinción vai garantir un futuro para o concello, pero tamén para o resto da comarca e, por extensión, da provincia. “Miguel Cid é toda unha garantía para conseguir ese propósito, porque ademais de alcalde ten esa visión de provincia que lle aporta formar parte do goberno da Deputación”.

Artigos relacionados

Back to top button