CulturaCulturaGalerías de fotosÚltima hora

Miguel Arias cantará “Libre” na terceira fase dos “Recantos” do Luar

O cantante valdeorrés subirase de novo ao escenario da TVG para interpretar o tema de Nino Bravo

Primeiro foi “Extraños na noite” (o 30 de setembro), despois “Grítenme pedras do campo” (o 9 de decembro) e agora será “Libre” o tema co que Miguel Arias, defenda no concurso musical “Recantos” do Luar, ás terras de Ourense Oriental.

Pasou con nota as dúas primeiras fases e mañá, venres 3 de febreiro, este xove cantante natural de Arcos (Vilamartín de Valdeorras) subirase de novo ao escenario da TVG, para abrir a terceira fase do concurso musical no que representa ás comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana. E farao cun tema moi especial, adicado ao primeiro home que morre tratando de cruzar o muro de Berlín. “Trátase ademais de todo un himno, un canto á liberdade en calquera das súas formas”, di Miguel que xa ten feito a súa propia versión (nun video publicado en Youtube) e que mañá cantará en galego, e sempre co seu propio estilo “todo un reto para min”, asegura o intérprete.

Como en ocasións anteriores, Miguel cantará pasada a media noite do venres, pero antes da súa actuación poderemos ver un novo video promocional. Un audiovisual grabado na súa terra e coa súa xente no que non se esqueceu de ninguén. Rodaron no Pazo do Castro; no Hotel-Restaurante Calzada onde aparece coa súa prima e a súa avoa tecéndolle unha bufanda; no colexio Divina Pastora do Barco; e mesmo en Viana do Bolo xunto aos Boteiros. “Ao representar a tres comarcas é difícil que saia todo o que temos que amosar, pero desta vez achegámonos ata Viana e se logro pasar á seguinte fase teremos que ir a Trives…”, asegura Miguel emocionado e nervioso ao coñecer aos seus rivais de mañá: o dúo representante de Ordes.

 

 

Para gañar, é importante o voto do xurado (30 puntos) pero tamén o do público (10 puntos) polo que despois da súa actuación e unha vez que se abran as liñas, os seguidores deberán chamar ao número que aparecerá na pantalla da televisión. Ata cinco chamadas gratuítas por liña. Para promocionarse, o propio Miguel encargouse de empapelar Valdeorras cun cartel que el mesmo deseñou e que elaborou a súa amiga Sandra Herrero, “é bastante impactante e nel xogamos co tema “Libre” e  un valado como se estivese preso…”.

Miguel asegura que o apoio da súa familia e da súa xente é moi importante, por iso mañá terá de novo xunto a el a un bo grupo de veciños que viaxarán en autobús ata o plató da TVG, para darlle todo o seu apoio.

A primeira foto da galería, na que poden verse imaxes da grabación do video, é de Aitor Ramos Soto.

Artigos relacionados

Back to top button