CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Miguel Arias presentará en decembro o seu primeiro disco “Contra viento y marea”

O acto terá lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco xunto ao pianista Álvaro Manzanas

En decembro, o cantante natural de Arcos Miguel Arias presentará no Barco de Valdeorras o seu primeiro disco titulado Contra viento y marea.

Así o anunciaba na noite do 9 de setembro durante a súa actuación no festival de grupos locais celebrado á beira do río Si, no Barco, xunto ao pianista Álvaro Manzanas. Alí, fiel aos seus comezos interpretou dúas versións,de Miña terra galega e Dando la cara por ti, esta última da campaña contra o cancro de mama, pero tamén dous temas propios que estarán incluídos nese disco: About you e o primeiro single Eras tú.

Esas dúas cancións eran presentadas hai uns meses a través das redes sociais, e precisamente a aceptación que tiveron, animaron ao artista a poñerse a traballar en serio e facer “algo físico, porque eu sentía que estaba nun momento musical no que, ou comezaba a facer temas meus, cousas miñas 100% ou quedaba como estaba e eu sempre digo que desfruto moito facendo versións e seguirei facéndoas, pero o que se sente cando cantas algo que sae de ti e que traballaches, que é teu e podes facer o que queiras, é diferente”.

No disco que está xa ultimando xunto a Álvaro, hai temas de todo tipo. “Uns falan de crítica social, outros son máis románticos, haberá un tema sobre Valdeorras,… Ao final hai un pouco de min, de vivencias, e a maioría das letras xurdiron do período no que estiven en EE.UU. porque vía as cousas con máis perspectiva e escribín moito aínda que aquí lle din unha volta”, explica o propio Miguel, asegurando que o título explica precisamente o difícil que resulta facerse un oco no mundo da música, con todos os seus inconvintes e trabas, pero tamén “do doado que é todo cando chegas a casa”, dixo diante do público barquense no momento de anunciar a presentación do seu novo proxecto, que terá lugar no Teatro Lauro Olmo.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button