CulturaCulturaMúsica

Miguel Arias seguirá representando a Valdeorras, Viana e Trives, no Luar

O cantante valdeorrés emitía un comunicado no que asegura que vai seguir malia a situación vivida o 3 de febreiro
Un dos momentos da actuación de Miguel Arias en Luar. /Foto: Aitor Ramos.

Cando o cantante Miguel Arias (natural de Arcos, Vilamartín de Valdeorras) comezaba a súa participación no concurso musical “Recantos” do programa Luar, na TVG, facíao con moitas ganas e ilusión. Non só por facer unha das cousas que máis lle gusta, cantar, senón tamén por ter a oportunidade de dar a coñecer a través da fiestra da televisión, a súa terra e moitos dos tesouros que agocha.

Mais esa ilusión desaparecía, en certa medida, na madrugada do 3 de febreiro, cando xa na terceira fase do concurso no que representa a Ourense Oriental e tras interpretar a súa particular versión de “Libre”,  vivíu no plató “un momento moi tenso” que o propio Miguel relata nun comunicado emitido unha semana máis tarde. “Antes de nada aclarar que o que captaron as cámaras non foi nin a metade do que se viviu en plató e que por motivos alleos ao programa eu non tiña o meu mellor día (algo que, de non ser polo sucedido, non diría publicamente)”, asegura antes de explicar o sucedido.

“Despois do video de presentación e da miña actuación, un dos membros do xurado fai a súa valoración e pon unha nota, eu, sorrindo, agradezo a súa nota e os seus consellos. A continuación, o segundo membro do xurado, sen ningún tipo de explicación, simplemente xira a súa tablet cunha actitude que entendín como de certo desprezo e, sen mediar palabra sobre a actuación e a súa nota, empezan os dous a enzarzarse nunha discusión que non viña a conto nese momento e resultaba bochornosa e vergoñenta para min e para calquera que a presenciase. No momento no que este membro do xurado se levanta da silla, eu, por unha cuestión de necesidade (que non de chulería nin nada polo estilo), tras facerlle un xesto á dirección do programa, decido baixarme dese escenario coa intención de saír do plató. Paroume o director musical do programa e un realizador díxome que tiña que volver a saír ao escenario porque “isto é televisión e o programa debe continuar”.

 

O valdeorrés Miguel Arias interpretando “Libre”. /Foto: Aitor Ramos.

 

Miguel regresaba ao escenario “con incredulidade, co público realmente alterado criticando a situación, outros collendo os seus abrigos e marchando,… por respecto a esa xente que eu animara a verme dende as súas casas e a un público que foi apoiarme ata o plató e o único que dixen foi: Simplemente tedes que entender que eu non pretendo imitar a Nino Bravo porque Nino Bravo hai un. Eu fago a miña versión, seguirei facendo versións e sacarei temas propios proximamente pero esto paréceme unha falta de respecto tanto para min como para as miñas compañeiras, non o comparto e prefiro abandonar o plató“, explica no seu comunicado.

O terceiro membro do xurado puntuou, novamente xustificando a súa puntuación e, “por petición do presentador do programa, eu engado: Estamos aquí esperando a que se nos valore, non é un momento cómodo para nós, non é un momento cómodo cando nos subimos a un escenario e tres persoas nos están xulgando desta maneira e creo que non se amosa o respeto que merecemos os artistas que pisamos ese escenario. É moi incómodo para nós todo isto“, continúa o escrito de Miguel.

Cun alto nivel de chamadas e acadando un 64, 4% de votos telefónicos, o representante de Ourense Oriental agradeceo dicindo: “Quería agradecer a todo o público que me deu estos 6 puntos e a todo o equipo de Luar esta experiencia. Ata sempre. Despois desta despedida do programa pola súa parte o presentador do programa aconséllalle pensar ben as cousas, e Miguel aseguraba que “tomarei a decisión oportuna e farei coñecedor ao programa da miña decisión”.

E así o facía na mañá do 11 de xaneiro. “Sen saber o que vai pasar nesta fase (xa que actuei na primera semana da mesma) e sabendo que os/as concursantes eliminados/as nas fases anteriores fixérono con puntuaciones máis baixas dos meus actuais 26 puntos, seguirei sendo o representante de Trives, Valdeorras e Viana no concurso mentres poda, pola miña propia ilusión e a que sei que moitos teñen posta en min. Seguirei ensinando esos “recantos” que temos e que todo Galicia ten que ver: o noso viño, o noso entroido, a nosa xente,… e seguirei tratando de que, como paisanos, vos sintades tan orgullosos de min coma eu estou de representar a unha terra que me viu nacer e me ve crecer tanto persoal como artísticamente. Por último reiterar as grazas polo apoio destos días que non foron doados. Gracias polo cariño que sempre me demostrades”, concluía o valdeorrés.

 

Unha das imaxes que aparecen no terceiro video promocional de Miguel Arias en “Recantos”.

Ademais de explicar o acontecido así como a súa decisión, no comunicado, Miguel Arias tamén asegura que “non sei se o sucedido estaba preparado ou non, entendo que empezar a sección antes do habitual e un temporal con cortes de luz que, como é lóxico afectan á audiencia do canle, podan facer que se pensen cousas coma esta pero, persoalmente, non me parece propio dos que traballan nun programa familiar con tantos anos de traxectoria. Eu polo menos non sabía nada”, asegurando que “cando emprendín esta experiencia fíxeno tentando de dar sempre o mellor de min, tanto nos momentos que se ven en cámara coma nos que non (a maior parte). En ningún momento me creín nin máis nin menos que o resto dos meus compañeiros”.

Tal como el mesmo asegura, a súa experiencia no medio televisivo é moi escasa pero “defendo os meus principios como persoa e como artista e o que verbalicei nese momento. Un non é dono das súas sensacións, e as miñas nese momento non eran boas. Non busco gustarlle a todo o mundo, de ser así conteríame en momentos coma o vivido o outro día e non sería tan claro á hora de non participar nin de lonxe nese episodio. O acontecido repercute negativamente a xente moi cercana a min, persoas ás que o último que quero é causar dano algún”.

 

Artigos relacionados

Back to top button