En portadaEntrevistasÚltima hora

Miguel Blanco, presidente da Fundación Valdegodos: “Nunca esqueceremos este tempo difícil e o orgullo que sentimos polo persoal”

Este valdeorrés explica nesta entrevista as rápidas e estritas medidas de seguridade aplicadas nas seis residencias que a fundación ten en Galicia, libres ata agora de coronavirus

Miguel Blanco preside esta fundación dende novembro de 2009./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ante as novas da chegada do coronavirus a España e, prevendo a súa posible expansión, a dirección da Fundación Valdegodos, con sede en Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras), decidía anticiparse e implantar un plan de actuación por fases e con medidas moi estritas de seguridade antes de que se decretase o estado de alarma. Nelas foi clave a implicación e a entrega dos seus traballadores.

Sobre este plan, o seu desenvolvemento e o que ten suposto para impedir a entrada do virus nas seis residencias que a fundación ten en Galicia (ademais doutras dúas en Tenerife) fala nesta entrevista o barquense Miguel Blanco Álvarez, presidente da Fundación Valdegodos dende novembro de 2009. Nesta entidade traballan entre 350 e 400 traballadores e conta con 650 residentes nesta comunidade.

Miguel Blanco é ademais investigador e profesor de Microbioloxía no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.

Pregunta. Aínda non pasou un mes dende a declaración do estado de alarma e da rápida expansión do coronavirus en España, como microbiólogo, ¿que sensación ten da situación que estamos vivindo? ¿cre que está pandemia é semellante a outras que xa tiveron lugar noutros momentos da historia ou é completamente diferente?

Neste século XX houbo no mundo tres grandes pandemias, todas provocadas polo virus da gripe. A primeira foi a gripe española de 1918, que provocou millóns de mortes en el mundo. As outras dúas foron a gripe asiática de 1957 e a gripe de Hong Kong de 1968. A primeira sucedeu nun tempo no que non existía vacina para a gripe e no que aínda non se coñecían os antibióticos. As pandemias de 1957 e 1968 foron moi importantes, pero de menor calado que a de 1918; debido a que xa se coñecía ben o virus da gripe, a que existían vacinas ou podíanse obter con relativa facilidade, e a que xa había disponibilidade de antibióticos para tratar as complicacións bacterianas que se daban nos enfermos.

A diferenza fundamental entre as pandemias provocadas polo virus da gripe e a actual pandemia debida ao coronavirus COVId-19, é que esta última sucedeu nun tempo no que o coñecemento científico é moito maior, tanto que incluso previu a posibilidade de que sucedera. De feito, en 2018 a OMS publicou o seu documento “Prioritizing diseases for research and development in emergency contexts”, que incluía unha lista dos patóxenos que poderían causar emerxencias de saúde pública, debido á súa capacidade para provocar infeccións en todo o mundo, o que se coñece como unha pandemia. Na lista de posibles patóxenos aparecían, entre outros, o virus Zika, o virus do ébola ou os coronavirus MERS-CoV y SARS. Xunto a eles, a OMS incluía unha “enfermedade X”, para referirse á pandemia provocada por algún microorganismo todavía descoñecido. A finalidade deste documento era que os países preparasen plans para facer fronte a este posible patóxeno todavía descoñecido, para o cal non existiría unha vacina dispoñible.

Co documento de 2018 a OMS facíase eco do que a comunidade científica temía desde hai anos: un novo patóxeno de orixe zoonótica (que pasaría de animais a humanos) que puidera provocar unha pandemia difícil de afrontar debido á falta de plans de prevención. E así sucedeu, os estados non estaban preparados, así que tiveron que improvisar.

 

Miguel Blanco con usuarios dunha das residencias da Fundación Valdegodos./ Foto cedida.

 

P. Ante as noticias da expansión do virus noutros países e, despois, en España, ¿que medidas preventivas e protocolos se tomaron nas residencias da Fundación Valdegodos, tanto para os traballadores como para os residentes, e en que momento empezaron a aplicarse?

Traballamos nun sector especialmente sensible, o das persoas maiores. Cando comezaron as primeiras infeccións no noso país, decidimos establecer un plan de actuación por fases. Na primeira fase, antes de declararse o estado de alarma, falamos cos familiares residentes restrinximos de maneira absoluta as visitas. Á vez, adquirimos equipos de protección individual (EPIs) e impartimos formación a traballadores e residentes sobre as medidas extremas que debían implantarse para previr infeccións.

Traballamos nestas condicións durante as dúas primeiras semanas, á espera da gran onda de infeccións que supoñíamos que chegaría a nivel nacional. Para entón iniciamos a segunda fase do plan de actuación, no que unha parte importante do persoal dos seis centros que a fundación ten en Galicia confinouse nas residencias, ou en establecementos hoteleiros cercanos, para evitar ao máximo os contactos co exterior. Á vez, os centros dividíronse en zonas de traballo, cada unha das cales estaría atendida por persoal exclusivo.

Cúmprense agora dúas semanas desta segunda fase que terminará cando se fagan test diagnóstico a todo o persoal e aos residentes. Isto permitiranos illar os casos positivos e traballar por fin con certezas. Esperamos que esta mesma semana nos fagan os test. De ser así, entraríamos na seguinte fase, na que finalizaría o confinamento do persoal, sen abandonar en ningún caso o estrito cumprimento do resto de medidas de seguridade e prevención.

 

P. ¿Como valora a resposta e implicación dos traballadores e dos residentes ante a aplicación destas medidas?

Dende a dirección da Fundación Valdegodos só temos palabras de agradecemento e admiración hacia todo os traballadores, moi especialmente hacia aqueles que se confinaron. Comprendemos o difícil que tivo que ser organizar as súas vidas e deixar ás súas familias para ocuparse das persoas maiores, os máis débiles nesta crise sanitaria. Damos tamén as grazas ás súas familias por ter permitido que en momentos tan difíciles estiveran confinados.

No noso sector créanse vínculos afectivos moi estreitos entre o persoal e as persoas maiores. Os traballadores da fundación non dubidaron nin un momento que debían facer o correcto, o que fan as boas persoas, as mellores persoas. Nunca olvidaremos este tempo difícil e o orgullo que sentimos polo persoal.

P. Dende diferentes ámbitos, entre eles o da sanidade, fíxose pública a falta de material de protección (mascarillas, guantes, xel hidroalcohólico, etc.) para protexerse contra o coronavirus ¿no caso da fundación, tiveron ou teñen aínda problemas para dispor deste tipo de material?

Na fundación iniciamos unha campaña de compra de equipos de protección antes de que se implantara o estado de alerta. Isto permitiunos dispoñer de material durante as primeiras semanas da crise. O máis preocupante ten sido a escaseza de mascarillas, que a estas alturas xa estábamos esgotando. Afortunadamente, esta mesma semana chegaron os primeiros envíos da Xunta de Galicia con equipos de protección, incluídas mascarillas. Confiamos en que a partir de agora estes envíos sexan regulares e haxa EPIs suficientes.

 

Patio interior da Residencia Nosa Señora dos Milagros en Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras)./ Foto cedida.

 

P. Polo de agora as residencias da fundación están libres do virus, pero tendo en conta a posible futura evolución da pandemia, ¿que outro tipo de medidas valoran implementar para seguir evitando a entrada do virus?

É certo que ata a data non tivemos casos positivos, pero podería suceder en cualquera momento. Por iso o único camiño é facer o noso traballo o mellor posible e esperar que as medidas implantadas sirvan para previr infeccións con éxito.

Como xa indiquei, esperamos que esta semana comecen a realizarse os test diagnósticos a todos os residentes e persoal dos distintos centros. Isto permitiranos separar ao personal ou residentes infectados e poder empezar a traballar con máis certezas.

Creo que o erro máis importante cometido nesta crisis ten sido realizar os test de diagnóstico só ás persoas con síntomas. No noso caso, nunha residencia é sinxelo illar a alguén con síntomas. O verdadeiro perigo son as persoas asintomáticas. Creo que a partir desta semana solucionarase esta carencia e poderemos empezar a traballar con más coñecemento.

Unha vez feitos os test, seguiremos con estritas medidas de seguridade, cos centros compartimentados en zonas de traballo independentes atendidas por grupos de traballadores específicos. Cada un destes grupos non terá contacto co resto. Terán incluso diferentes horarios de entrada e saída. A fin última deste modelo será evitar infeccións, pero prevendo que se sucederan, poidamos restrinxilas a unha zona que se poida illar con facilidade, de modo que non afecte ao resto da residencia.

 

Unha das habitacións da Residencia Nosa Señora dos Milagros en Valdegodos (Vilamartín)./ Foto cedida.

 

P. ¿Que opina da xestión en xeral que se ten feito desta problemática noutras residencias españolas e galegas? ¿as administracións estatais e galegas estiveron á altura da situación?

Unha pandemia non é unha cuestión política e témome que as opinións neste sentido sempre se interpretan nesa clave. Non é o momento de dedicar enerxías a criticar o feito, é o momento de aprender rápido e buscar solucións.

Só quixera facer unha reflexión. Cando comenzou esta grave crise, todas as autoridades se apresuraron a pechar primeiro colexios, institutos e universidades. Despois chegou a quenda da hostalaría, os ximnasios e o comercio. Pecháronse todos os lugares que podían servir de caldo de cultivo ao virus, debido á presenza de moitas persoas. Pois ben, durante esa primeira fase ninguén se acordou das residencias, os lugares máis perigosos por albergar aos más débiles. Supoño que cando todo isto pase, como sociedade deberemos reflexionar sobre por qué só recordamos ás residencias cando empezaron os primeiros falecementos de maiores.

Lemos e escoitamos estes días falar do “problema das residencias”. Gustaríame cambiar esa idea. As residencias non están sendo parte do problema, en realidade son parte da solución. A maioría dos centros traballan con normalidade, con medo, con poucos medios, pero coa ilusión e a esperanza de chegar ao final desta crise mantendo a salvo aos maiores que coidan.

Quixera mandar un abrazo e o noso apoio aos traballadores de todas as residencias que tiveron casos positivos. Imaxino o que estarán pasando e por iso, dende a Fundación Valdegodos expresámoslles a nosa solidariedade.

 

Zona de entrada da Residencia Nosa Señora dos MIlagros, onde ten a súa sede a Fundación Valdegodos./ Foto cedida.

 

P. ¿Cre que esta pandemia pode supor un antes e un despois no funcionamento e xestión das residencias e na protección das persoas maiores?

Non me cabe a menor dúbida. Esta tremenda crise ha de servir para mellorar o sistema de atención ás persoas maiores no noso país. Ha de mellorar a profesionalidade e han de destinarse moitos máis medios aos que levantaron as nosas sociedades e merecen, na última etapa da súa vida, o recoñecemento e o coidado que se ganaron.

P. ¿Que leccións pensa que deberíamos aprender como sociedade desta pandemia?

Creo que esta crise fixo saltar en mil pedazos a nosa escala de valores. O que fai un mes parecía trascendental, agora non é máis que un vago recordo. O único bo que nos deixará esta pandemia é un legado inmenso de coñecementos científicos que deberá prepararnos para futuras crises.

Se entendemos que os piares básicos dunha sociedade forte e sá son os afectos e a educación, teremos dado un gran paso. Primaremos entón a investigación, a sanidade e os servizos sociais, por riba doutras prioridades que, seguro, hoxe xa non recordamos como importantes.

Texto: A.R.

Máis información: https://fundacionvaldegodos.com

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close