CulturaCulturaÚltima hora

Miguel Franqueiro, director da Banda de Música de Sober, será tuba solista da Orquestra da RTVE

Tocará o 11 de maio no Teatro Auditorio San Lorenzo de El Escorial baixo a dirección de Eliahu Inbal
Miguel Franqueiro Becerra, durante a súa estadía en Turín./ Foto cedida.

Tras pasar o mes de abril tocando cunha das orquestras top italianas, a do Teatro Regio de Torino, Miguel Franqueiro, tubista e director da Banda de Música de Sober, dá agora o salto á Orquestra Sinfónica de RTVE. Será o seu tuba solista no programa da semana próxima. En concreto, interpretará ‘Leningrado’, a Sinfonía nº7 de Dimitri Shostakovich.

A actuación está prevista para o venres día 11 de maio ás sete e media da tarde no Teatro Auditorio San Lorenzo de El Escorial baixo a dirección de Eliahu Inbal. Franqueiro Becerra será o encargado de interpretar un papel que entraña unha especial dificultade e no que terá un destacado protagonismo.

Franqueiro é director da Banda de Música de Sober desde hai 12 anos. Desde 2015 colabora na totalidade da programación da Real Filharmonía de Galicia e da Hulencourt Soloists Chamber Orchestra (Bruxelas) ademais de colaborar frecuentemente con outras orquestras, tanto en España como fóra.

Dende o Concello de Sober valórase de forma moi positiva a participación do músico nestas orquestras. O alcalde, Luis Fernández Guitián, asegura que “con Franqueiro tocando en Madrid e en Torino o nome de Sober chega a eses lugares nos que a música ten un nome propio, ao tempo que estas experiencias acaban revertendo nos alumnos da nosa Escola de Municipal de Música”.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button