En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Miguel Fuster consegue o seu sétimo Rallye de Ourense

O coruñés Iván Ares logra o segundo posto e o andorrano Joan Vinyes o terceiro

Iván Ares e Miguel Fuster. Miguel Fuster e Iván Ares. O coruñés a o alicantino chegaban á 51 edición do Rallye de Ourense cun empate técnico na cabeza da clasificación do campionato de España de rallyes de asfalto, como grandes favoritos a loitar pola carreira ourensá, e non defraudaron, disputándose o liderato en cada un dos tramos celebrados entre onte e hoxe.

Ares convertíase no primeiro líder tralo TC1 da Peroxa, Fuster facíao tralo TC2 de Toén e a partires de aí repartíanse case a partes iguais o resto de tramos, pero Fuster conseguía unha diferencia de máis de 2 minutos que Ares xa non lograba igualar aínda que pelexou ata o último tramo, o segundo pase por Meliás.

Os outros favoritos desta edición ían caendo pouco a pouco. Cohete Suárez facíao xa no primeiro tramo do venres na Peroxa ao saírse da estrada; Pernía caía por un barranco no primeiro pase polo Canón do Sil o sábado pola mañá; e o ourensán Javier Pardo sufría unha avería mecánica no segundo pase por Esgos o sábado pola tarde, cando ía terceiro na xeral.

Así pois, neste 51 Rallye de Ourense houbo un pouco de todo. Pinchazos, saídas de vía, averías, moita chuvia e néboa (especialmente o venres pola tarde e noite), sol e vento e 55 pilotos en meta dos 76 que tomaban a saída no Xardín do Posío o venres pola tarde.

Ese foi tamén o escenanio no que na tarde do sábado 9 de xuño se facía entrega dos trofeos desta edición á que non faltaron os afeccionados chegados dende diferentes puntos da provincia, xente de todas as idades (dende bebés de apenas seis meses ata veciños de avanzada idade que non perderon detalle). Cun tempo total de 2:01:46.3 Miguel Fuster e Nacho Aviñó subían ao alto do podio despois de vencer co seu Ford Fiesta, logrando así empatar con Chus Puras no palmarés do rallye con sete vitorias. Ao segundo caixón subían Iván Ares e José A. Pintor (Hyundai) que tardaban +1:41.9 e ao terceiro Joan Vinyes e Jordi Mercader (compañeiros de Pardo no equipo Suzuki) que empregaban +4:11:7.

Con respecto á Copa Dacia Sandero, o piloto local José Frade intentou ata o último momento superar a José Álvarez pero non lle foi posible, quedando a tan sólo 2,9 segundos da vitoria; Na Copa JR. BEKA R2 Solans vimpúxose na clasificación final sobre Pep Bassas; e na Copa Suzuki Swift, Alfredo Tames alzouse coa vitoria final.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button