ConcellosÚltima hora

Miguel García-Fernández recolle nun libriño a historia das “espontáneas de San Xoán de Río”

Esta publicación nace dun proxecto compartido entre este investigador e a Asociación RíoMola co fin de dar a coñecer diversos aspectos da historia deste municipio

 

O historiador Miguel García-Fernández, na conferencia impartida en agosto en San Xoán de Río./ Foto: AC RíoMola.

Ás mulleres e homes de Río está adicado o libriño “As espontáneas de San Xoán de Río. Mulleres e liberdade sexual no século XIX”, escrito polo historiador trivés Miguel García-Fernández (Guístolas, 1988). Esta obra nace dunha conferencia que este investigador impartía en agosto neste concello a través da Asociación Cultural RíoMola.

“Trala palestra quedamos en que prepararía un documento con ese material para publicalo. Agora co traballo feito, faremos unha tirada cuxos exemplares repartiranse de xeito gratuíto para intentar que a xente se interese pola historia do noso concello e poder seguir traballando nun futuro”, explican dende RíoMola. As persoas interesadas en solicitar un exemplar poderán facelo a través do correo electrónico: asociacionculturalriomola@gmail.com.

Este traballo de apenas 30 páxinas conta cunha introdución, titulada “San Xoán de Río. Unha historia propia por contar”, na que o autor se refire á riqueza natural, histórica e patrimonial deste municipio, facendo un repaso por diferentes épocas, dende a prehistoria ata o século XIX. “Unha historia de seu, que permanece en gran medida esquecida e pendente de ser contada. Por iso, estas páxinas teñen como obxectivo fundamental recuperar unha parte dese pasado para animar a que todas as persoas nos interesemos por ela”, indica García-Fernández.

Deseguido, este historiador céntrase nunha historia moi concreta de Río, a das “espontáneas, mulleres que (espontaneamente?) decidiron ou foron obrigadas a comparecer antes as autoridades públicas para declarar que, sen estar casadas, estaban embarazadas. Unha situación considerada anómala dentro dunha sociedade que, cando menos oficialmente, só entendía a pertinencia da maternidade dentro do matrimonio”. E así expón e analiza os 27 expedientes “espontáneos” conservados no Arquivo Municipal de San Xoán de Río, que se sitúan cronoloxicamente entre os anos 1847 e 1852.

 

Cartel da conferencia.

Máis información:
https://osil.info/os-de-rio-son-os-unicos-expedientes-de-espontaneas-atopados-ata-agora-na-provincia-de-ourense/

Artigos relacionados

Back to top button