PolíticaÚltima hora

Milagros Corral: “Gustaríanos desenvolver en Ourense un clúster da castaña e outro da pataca”

A cabeza de lista ourensá da Marea Galeguista considera que a provincia "non está explotada en ningunha das súas potencialidades"

Milagros Corral lidera a lista ourensá da Marea Galeguista./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Para Milagros Corral as eleccións do vindeiro 12 de xullo constitúen “unha das últimas oportunidades para endereitar o rumbo desta esquecida provincia de Ourense”. Neste senso a cabeza de lista por Ourense da Marea Galeguista resalta a necesidade urxente de reverter esta situación poñendo en valor as potencialidades de cada unha das comarcas ourensás e de apostar pola investigación e o desenvolvemento. “Na nosa candidatura temos unha cousa clara: se Ourense tivera traballo, a metade dos problemas da provincia remataban”, subliña.

Outra das cuestións que Marea Galeguista defende é a mellora das infraestruturas de comunicación, en especial no caso de Valdeorras. “Esta comarca é un dos puntos económicos máis importantes da provincia, parece que está esquecida, sen embargo é o noso principal punto de exportación coa lousa”, resalta Corral.

– ¿Que supón para vostede encabezar a candidatura por Ourense da Marea Galeguista?

O primeiro de todo é unha gran responsabilidade, xa que son a encargada de exteriorizar e de transmitirlle á xente o traballo de moitas persoas que están detrás de min. Pero non vou negar que isto tamén supón un certo orgullo para min, xa que foron os meus compañeiros os que decidiron que eu encabezara esta candidatura.

– ¿Como definiría a candidatura?

Hai xente de todos os perfís, persoas do rural, outras da cidade, xente con estudos universitarios, amas de casa… Pero a característica común que nos une, independentemente do partido do que veñamos, é ese sentimento profundo, esa alegría de compartir a idea de que temos que facer algo por Ourense e de que o imos conseguir. Iso é o que nos une e o que nos dá forza ao mesmo tempo.

– ¿Cal é o proxecto que defende a Marea Galeguista para a provincia?

Abrangue case todos os ámbitos xa que está provincia non está explotada en ningunha das súas potencialidades. Nestes días mantivemos reunións con empresarios e coa universidade, e nese senso, unha das primeiras medidas que nos gustaría tomar sería a de desenvolver un clúster da pataca e outro da castaña. Parece mentira que nunha provincia coma esta, onde a pataca ten unha produción de 120 millóns de quilos ao ano, non se peche o proceso produtivo, que xeraría en torno a mil postos de traballo e que é algo relativamente fácil de implantar.

A nivel de servizos hai que reinvidicar prazas públicas de residencias e tamén prazas públicas de centros de día, tendo en conta que somos a provincia coa renda per cápita máis pequena. En infraestruturas, agora mesmo Valdeorras é o noso cabalo de batalla. Parécenos inxustísimo que non avance esa tantas veces nomeada autoavía A-76 (Ponferrada-Ourense) porque sabemos que é a única vía de comunicación que tería a comarca de Valdeorras para enlazar coa vía de alta capacidade que une Madrid con Vigo, por exemplo.

 

 

– Tamén defenden un proxecto galego relacionado co ferrocarril…

Si, nós consideramos que está moi ben que o AVE chegue a Ourense, pero se se nos tivera preguntado aos galegos teríamos decidido contar con outro sistema, ter unhas liñas de alta velocidade, como a que funciona agora mesmo entre Ourense e Vigo ou Ourense-Coruña que nos permite estar en Coruña nunha hora, e crear unhas liñas de ferrocarril que permitiran unir as grandes cidades ou as grandes comarcas galegas, como Valdeorras.

– ¿Que papel pensa que pode ter a provincia de cara a un cambio de modelo político en Galicia?

Pensamos que un cambio de modelo é fundamental. Levamos 11 anos de goberno do PP onde non se fixo nada. O investimento en I+D nesta provincia é inferior ao 1%, cando Europa di que ten que ser, polo menos, superior ao 2,5%. A poboación activa desta provincia é de 100.000 persoas, é dicir, colleríamos no campo de fútbol do Barcelona. E iso coa potencialidade mineira que temos en Valdeorras, coas catro denominacións de orixe de viño da provincia, con riqueza arquitectónica, uns ríos que poderían ser xeradores de riqueza, arquitectura, gastronomía… Teríamolo todo e non fan nada para que 100.000 persoas non deban marcharse da provincia para traballar. Iso é inasumible para os que queremos a Ourense.

 

 

Neses contactos e reunións que están mantendo no que vai de campaña, ¿que acollida está tendo o seu proxecto?

A xente está moi a favor. Temos que traballar e apostar con convencemento firme por mudar as cousas a nivel económico nesta provincia. Nesta candidatura temos claro que, se Ourense tivera traballo, a metade dos problemas da provincia remataban. E estamos atopando empresarios que nos están pedindo axuda en determinadas cuestións como, por exemplo, a transición enerxética e ecolóxica. Nós témoslle que dicir a eses pequenos empresarios que a administración debe ser impulsora e protectora das súas empresas e non sancionadora e controladora como está sendo agora.

– ¿Que mensaxe lle transmitiría aos ourensáns de cara á xornada electoral do 12X?

Diríalles que a papeleta non é só un papel que vai dentro dun sobre. Ese voto é a única maneira que hai en democracia de mudar as cousas. E que, ata agora, con ese papel no que beneficiamos a un partido político concreto, os verdadeiros castigados teñen sido os nosos mozos, obrigándoos a marchar. Enton diríalles que colleran esa papeleta e que pensaran que teñen na man a oportunidade de que os seus fillos e os seus netos volten e que non é tan difícil.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button