Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Miles de persoas berran “Lume, nunca máis!” na cidade

A manifestación arrancou na Delegación da Xunta en Ourense -coñecida como A Casa de Chocolate- e rematou na Xefatura do Medio Rural na rúa Pérez Cuevillas

Miles de persoas déronse cita na tarde de hoxe, 16 de outubro, diante da Delegación da Xunta de Galicia en Ourense -coñecida como A Casa de Chocolate- para manifestárense en contra dos lumes desta fin de semana, que arrasaron máis de 4.000 hectáreas en toda Galicia, e da xestión do Goberno galego na materia. Baixo as consignas “Lume, nunca máis!” e “Feijóo dimisión!” os manifestantes percorreron toda a avenida da Habana ata chegaren ata a xefatura de Medio Rural en Ourense, na rúa Florentino Pérez Cuevillas.

Pero antes, diante do edificio da Xunta, o Comité de Defensa Monte Galego leu un manifesto no que agradeceron o traballo dos voluntarios e profesionais de extinción “que co seu traballo non tivemos que lamentar tantas perdas”, asegurando que Galicia “non se pode permitir teres estes servizos baixo mínimos”.

Ao mesmo tempo fixeron unha serie de propostas entre as que estaban a modificación do Consello do Monte Galego “integrando nel todos os axentes sociais”; un Plan Estratéxico de xestión do monte galego e cambios na política forestal “que acade un consenso entre todos os grupos políticos e os propietarios”; dotación de medios para a Fiscalía Forestal “para mellorar a investigación dos lumes”; transparencia e rapidez sobre o acceso á información sobre incendios “para facilitarlle á opinión pública o acceso á información” e que os equipos de extinción estean “baixo o mando único da Consellería do Medio Rural”.

Estes son algúns dos puntos que reclamaron dende este Comité entre os que tamén estaban a esixencia de tarefas de rehabilitación e rexeneración dos montes e trasladar ao eido da educación os coñecementos ambientais “e fomentar a toda a sociedade que teñan comportamentos compatibles coa preservación e mellora do medio”.

As máscaras serviron nesta manifestación como elementos de consigna e non para protexerse do fume. Moitos foron os manifestantes que cubriron a súa boca con mensaxes reivindicativos e, entre eses manifestantes, tamén estiveron presentes varios membros da oposición como o deputado de Manzaneda de En Marea no Parlamento de Galicia, Davide Rodríguez, ou a súa compañeira Ánxeles Cuña, tamén deputada pola provincia na cámara galega. O PSdeG-PSOE contou coa presenza da súa deputada por Ourense, Noela Blanco, que estivo acompañada de diferentes persoeiros do socialismo ourensán. Así como Noa Présas, deputada por Ourense do BNG.

Dimisión

A conselleira do medio Rural, Ánxeles Vázquez, anunciou que ía comparecer nos vindeiros días ante a cámara galega “con total transparencia” para aclararlle á oposición o sucedido. Tanto Noela Blanco como Davide Rodríguez aseguraron que “é hora de que a conselleira do Medio Rural dimita”. Pola súa banda, Noa Presas (BNG) foi máis prudente asegurando que “nós entendemos que a mensaxe prioritaria agora é que hai que apagar os lumes nesta noite crítica de Ourense e que mañá deberá comparecer Feijoo e dar explicacións”. Explicacións que tamén pediron Rodríguez e Blanco.

Pola súa banda, Davide Rodríguez asegurou que tanto Ánxeles Vázquez como Núñez Feijóo “non souberon ver o problema que se nos viña encima” e asegurou que “tiñan que ter avisado á sociedade civil”. O deputado de En Marea reiterou que todo isto “foi o resultado dunha mala xestión”.

A socialista Noela Blanco quixo amosar a súa gratitude “cos alcaldes que estiveron durante toda a madrugada paliando os lumes”. Blanco asegurou que o seu grupo viña avisando desta situación e “coma sempre, falar co PP é coma falar cunha parede”, dixo a deputada socialista.

Finalmente, Noa Presas asegurou que “o que ten que comparecer é Feijóo” e reiterou que “non pode ser que mañá haxa un pleno como se nada cando aquí esta ardendo todo descontroladamente e o presidente non dea explicacións”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button
Close