CulturaÚltima hora

Milladoiro ou Chenoa son algunhas das ofertas do Auditorio de Ourense para xaneiro-febreiro

O pasado ano visitaron o Auditorio 128.772 persoas, un 24% máis ca no ano 2015
Cartel do concerto de Chenoa no Auditorio.

O Auditorio Municipal de Ourense vén de presentar a súa oferta cultural para os dous primeiros meses do ano 2017. Este catálogo de espectáculos divídese en dous bloques. Por un lado está a programación infantil e, polo outro, o bloque xeral.

Segundo o programador do Auditorio, Manuel Freire, elaborar esta oferta foi todo un reto para os técnicos da concellería de Cultura “pola dificultade de atopar espectáculos de nivel que non pasasen xa pola cidade”. Teno en conta isto, no bloque infantil hai que salientar as citas clásicas dos domingos pola mañá e a oferta para bebés. Ambas as dúas compilan musicais, monicreques e teatro para cativos.

No eido de todos os públicos destacaron, sobre todo, os concertos de Milladoiro “Máis de 35 anos de música galega polo Mundo, o 21 de xaneiro, e o da cantante Chenoa, que trae o 18 de febreiro o seu espectáculo “Soy humana”, título do seu último disco. Tamén virán os gaiteiros da Xistra con “Sandra e Meirol en Xistralia” e o peche do Ourencanto.

No apartado das artes escénicas, o 26 de xaneiro será a estrea de “Resaca”, a nova obra dos ourensáns IlMaquinario, “Voaxa e Carmín”, a interpretación da historia “das Marías” de Santiago de Compostela a cargo da compañía Eme2, “Desconexión” de Xurxo Cortázar ou “O último dragón”, adaptación teatral da compañía Sarabela para os máis cativos.

Segundo a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, o Auditorio de Ourense converterase “nun referente cultural para Ourense e os seus arredores e incluso para toda Galicia”. Por outra banda, tamén asegurou que este ano que marchou foi “un bo ano para o Aduitorio”. A Cocnelleira apoiou as súas declaracións nos datos xa que, segundo fontes municipais, un total de 128.772 persoas pasaron polo Auditorio en 2016, o que supón un incremento da asistencia nun 24% con respecto ao ano anterior. En canto á evolución anual, os números foron en aumento desde o ano 2013, cando houbo un rexistro de 81.316 espectadores, 83.500 en 2014 e 104.o42 en 2015.

En canto ao desglose por meses, xuño foi o que máis xente acudiu ao Auditorio, con 19.940 persoas. No tocante á división por actividades, dende a concellería de Cultura resaltan que o teatro citou a unha de cada tres persoas, seguida das actividades infantís (16%), a música (13%), as actividades escolares (12,5%) e as proxeccións (10%).

Tras os resultados obtidos, a responsable de Cultura do Concello, Belén Iglesias, agradeceu a todo o seu equipo “polo gran traballo realizado” e asegurou sentirse “orgullosa e afortunada” de traballar con eles. Asemade, aproveitou a ocasión para facer unha especial mención de agradecemento ao equipo que traballou na organización da cabalgata de Reis.

Artigos relacionados

Back to top button