SanidadeÚltima hora

Milleiros de bicos para conmemorar o Día do neno Hospitalizado

A Asociación Galega de Familias con Nenos Prematuros colaboran co CHUO para axudar ás familias nos momentos da hospitalización
O acto rematou cos asistentes lanzando bicos ao aire. // Foto: Carlos Asensio.

Centros hospitalarios de toda España lanzaron milleiros de bicos aos nenos hospitalizados no Día do Neno Hospitalizado. No Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) tamén se sumaron a esta iniciativa e lanzaron milleiros de bicos hoxe, 12 de maio, a eses nenos que pasan varios meses no hospital.

A xefa do servizo de Pediatría do Complexo ourensán, Susana Rey, reivindicou neste día que “hai que traballar entre todos para que a estancia dos nenos sexa a mellor posible cara a súa curación”. A doutora explicou que hai que facer “unha humanización dos coidados pediátricos”, é dicir, que o rapaz ingresado no hospital teña un ambiente parecido ao que teñen na casa, “xa que, por definición, un hospital é un entorno hostil”. Susana Rey tamén dixo que é moi importante “tanto atender aos pacientes infantís como ás familias”.

O CHUO, segundo explicou a xefa de Pediatría, diminuíu a súa hospitalización infantil nos últimos anos, a expensas das consultas externas da especialidade. O seu servizo, dixo, ten ingresados a pacientes de cero a 15 anos, “con todo o que iso supón de cara á asistencia e das necesidades dos pacientes”, explicou. En total, de media, o Complexo ourensán ten 50 nenos ingresados.

Susana Rey. // C.A.

As infeccións soen ser as principais causas dos ingresos dos nenos. Pero hai dúas seccións que son nas que máis tempo pasan ingresados os rapaces, explicou a doutora. Tanto a sección de oncoloxía infantil como a de bebés prematuros son as máis salientables no eido do ingreso de nenos. Este foi o caso de Eva Fernández, voceira da Asociación Galega de Familias con nenos Prematuros (AGAPREM).

A voceira explicou que dentro da prematuridade hai distintos graos. No seu caso, por exemplo, “detectáronme unha infección no útero na semana 23”, e os médicos dixéronlle que se o bebé aguantaba até a semana 24, “teriamos que ir a Vigo”. Afortunadamente, aguantaron até a semana 25 e marcharon á cidade olívica a dar a luz. “Con todo o que iso supón, nós tiñamos outro fillo, é outra cidade”, dixo. Pero contou que nese momento “a incertidume é unha sensación que pode contigo e a min gustaríame ter falado cunha nai que tivera pasado polo mesmo ca min”, dixo.

Por este motivo, formou a asociación na que traballan cada sábado no CHUO. “Porque o acompañamento é importante e que nos teñan de referente as outras nais é o noso obxectivo primeiro”, asegurou. Dende esta asociación reivindican o uso do “método canguro”, é dicir, que o neno prematuro estea pegado á pel da súa nai ou do seu pai mentres está ingresado; así como a lactancia materna. Por este motivo, dende a súa asociación, mercaron unha neveira para o CHUO para crear un banco de leite, “porque en Vigo o teñen en funciona moi ben e en Ourense tiñamos que ter un”, explicou.

A súa historia, tivo un desenlace feliz, o seu fillo ten agora tes anos “e vai empezar o cole dentro de pouco”, contou, e non lle quedou ningunha secuela. Así é todo, esta e outras nais, colaboradoras na asociación, seguen a traballar para axudar a aquelas nais que teñen fillos prematuros.

Texto: Carlos Asensio.

 

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button