En portadaGalerías de fotosSanidadeÚltima hora

Milleiros de cidadáns do oriente ourensán saen á rúa para defender a área sanitaria do Barco

Ao redor de 7.000 persoas participaban na manifestación que percorría o centro da vila para pedir a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde que contempla a desaparición da área valdeorresa

 

“A área é necesaria”, “Sanidade pública e de calidade” e “Sanidade de proximidade”. Eran algunhas das consignas que se escoitaban polas rúas do Barco na tarde do 30 de setembro. Unha gran manifestación, convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras e á que acudían ao redor de 7.000 persoas, percorría a vila a partires das sete da tarde encabezada por unha pancarta levada por veciños e na que podía lerse unha clara petición: “Sanidade de segunda non!! Somos unha área, contra a supresión da área de saúde do Barco”.

A manifestación partía dende as proximidades do pavillón polideportivo de Calabagueiros ateigadas xa minutos antes do comezo da marcha reivindicativa. Nela participaban veciños chegados dende diferentes concellos do oriente ourensán como Trives, Manzaneda, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, O Bolo, Larouco, A Rúa, Petín, Vilamartín, Carballeda, Rubiá, A Veiga e, por suposto, do propio Barco. Asemade acudía unha representación da Plataforma Sanitaria que defende o mantemento da área sanitaria de Monforte, así como da xunta de persoal do hospital monfortino.

A esta marcha reivindicativa acudían asemade alcaldes como os do Barco, Vilamartín, A Rúa, Petín, Viana do Bolo, Trives e Manzaneda, así como concelleiros destes e doutros concellos do oriente ourensán. Viñan tamén doutras zonas da provincia como é o caso do rexedor de Ribadavia ou dalgún concelleiro de Ourense. Do mesmo xeito sumábanse a ela os deputados socialistas galegos Noela Blanco e Juan Díaz Villoslada (candidato ás primarias), xunto con Gonzalo Caballero (tamén candidato ás primarias). Había asemade representación do BNG da man da deputada Olalla Rodil e de En Marea a través da parlamentaria Carme Santos.

 

A manifetación ao seu paso polo Hospital Comarcal Valdeorras. Foto cedida.

 

Tras pasar diante do Hospital Comarcal Valdeorras (HCV), onde numeroso persoal sanitario no exterior así como pacientes dende as habitacións saudaban o paso da marcha, a manifestación dirixíase cara a praza do Concello onde se procedía á lectura do manifesto por parte de Begoña Dacal, de Disvalia, e do concelleiro no Bolo, Juan Ferreira.

Nel explicaban o camiño percorrido ata o de agora para pedir a retirada do anteproxecto de reforma da Lei de Saúde de Galicia e explicaban o que implica esa modificación para os veciños do oriente ourensán. “A área sanitaria está a desaparecer ao suscitarse unha nova organización do mapa sanitario, intégrase nunha área sanitaria única a nivel provincial correspondéndose co que ata a data coñecemos como EOXI de Ourense. Créase unha nova distribución xeográfica que se denomina distrito, onde quedaría incluída a nosa contorna sanitaria e social, todo o que iso conleva queda por ser determinado por decreto do Consello da Xunta tanto no que se refire ás áreas sanitarias como aos distritos”. Uns distritos, engadían, “que se vinculan á existencia dos actuais hospitais comarcais, nada se di das súas carteira de servizos, dos seus niveis de estruturas técnicas que deben alcanzar, persoais para o seu funcionamento con eficiencia e calidade, nada se di sobre circuítos e mapa de derivacións segundo patoloxías e a súa carteira de servizos”.

E incidían en que “estamos aquí porque é necesario e imprescindible que o Goberno da Xunta modifique o camiño iniciado o 2 de agosto. Estamos aquí para pedir a retirada do anteproxecto de lei que modifica a a Lei 8/2008 do 10 de xullo, de Saúde de Galicia”. A continuación tomaba a palabra o voceiro da Plataforma Sanitaria Valdeorresa, o doutor Orlando Saavedra, quen enumeraba, un por un, os diferentes concellos do oriente ourensán para agradecer a numerosa presenza dos seus veciños neste acto. Asemade facía unha mención especial para as persoas chegadas dende Monforte, que dentro dunha semana sairán á rúa tamén para defender a súa área sanitaria, outra das que desaparecería coa reforma da lei. “Somos esa gran maioría social que estamos na defensa da área sanitaria. Seguiremos en pé ata a súa retirada e ata que nos escoiten, que non nos obriguen a saír novamente á rúa porque aquí estaremos”, dicía ao termo do acto, que concluía cun gran aplauso.


As valoracións:

  • Noela Blanco, deputada socialista por Ourense no Parlamento galego

 

“Estamos a asistir, atrévome a dicir, a unha mobilización histórica, non só da comarca de Valdeorras senón de toda a provincia de Ourense que se levanta, que sae ás rúas hoxe para manifestar o seu desacordo, o desagravio de Feijóo co desmantelamento da sanidade pública”. A parlamentaria autonómica tamén resaltaba que “o que dicimos hoxe alto e claro é non ao desmantelamento dunha área sanitaria que é prioritaria para a provincia de Ourense, que é fundamental para os veciños/as de Valdeorras. E imos a seguir nas rúas e dende o PSdeG imos a seguir apoiando calquera tipo de mobilización da plataforma da sanidade pública, esta e calquera outra que se poña en marcha”.

 

  • Juan Díaz Villoslada, deputado socialista no Parlamento galego e candidato ás primarias socialistas

“Dentro do que é o proxecto que os socialistas queremos levar adiante para Galicia despois destas primarias, un dos piares fundamentais ten que ser recuperar os servizos públicos sanitarios. Estamos vendo como o PP está nun desmantelamento sistemático dos servizos públicos sanitarios e, entre outras cousas, as comarcas do interior necesitan emprego, necesitan economía e necesitan servizos, senón o risco de desertización de Galicia é cada vez máis intenso. Entón temos que apostar firmemente, temos que estar coa xente, coas preocupacións e apostar por un sistema sanitario reivindicando políticas socialistas”.

 

  • Gonzalo Caballero, candidato socialista ás primarias

 

“A sanidade pública e gratuita é unha cuestión fundamental para a sociedade galega, a cercanía da sanidade aos distintos concellos e á poboación é unha necesidade imperiosa na Galicia na que vivimos e o goberno do PP está facendo unha política de recortes que implica un retroceso na calidade de vida da cidadanía e, polo tanto, o recorte das áreas sanitarias en Galicia supón un alonxamento da sanidade, é dicir, un alonxamento da calidade de vida e das posibilidades dunha saúde máis sólida e no conxunto do territorio de Galicia. Dende logo todo o apoio do PSdeG á comarca de Valdeorras na defensa dos seus servizos sanitarios e dunha sociedade pública, gratuíta e de calidade nesta área”.

 

  • Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento galego

 

“A participación eu creo que ten sido masiva, multitudinaria, que a xente está deixando moi claro hoxe que non quere perder a súa área sanitaria, que non quere os recortes na sanidade pública e que imos defender por todos os medios que sexan necesarios non só o hospital, senón o resto das áreas sanitarias que quere cargarse o PP. Dende o BNG dixémolo dende o principio, queremos que se retire de enriba da mesa ese anteproxecto de lei de reforma. Onte viámolo no Salnés, hoxe vémolo aquí, a semana que vén será en Monforte… Nós temos moi claro que non poden desaparecer estas áreas sanitarias, son fundamentais para garantir os dereitos das persoas que viven e que traballan aquí no oriente ourensán, igual que nas demais áreas sanitarias. Non podemos afastar os servizos públicos da poboación e, polo menos dende o BNG, imos estar a pé de rúa e nas institucións para combater esta contrarreforma do PP”.

 

 

  • Carme Santos, deputada de En Marea no Parlamento galego

 

“Parécenos un éxito rotundo da cidadanía e da xente de aquí do Barco de Valdeorras e de toda a comarca para protestar. A sanidade pública non pode existir de primeira ou de segunda en función de que se vives na cidade ou no rural, nin debe ser unha cuestión baseada en criterios económicos que ademais é falsa, nun período de recuperación económica ninguén entende que estean aplicando estes recortes sobre todo nas zonas rurais e cunhas comunicacións e tan precarias como é no Barco, Monforte, A Mariña… soamente un goberno inhumano pode levar a cabo este tipo de actuacións”.

 

Fotos: Carlos G. Hervella/ A.R.

Artigos relacionados

Back to top button