OurenseÚltima hora

Miñones destaca a chegada do AVE a Ourense como “unha oportunidade para a dinamización da provincia”

O delegado do Goberno reuniuse co presidente da Deputación, Manuel Baltar

O presidente da Deputación de Ourense Manuel Baltar e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na Coruña.

 

Para o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a chegada do AVE a Galicia é “unha oportunidade para a dinamización económica e turística da provincia de Ourense”. Así o sinalaba no transcurso do seu primeiro encontro institucional co presidente da Deputación Provincial ourensá, Manuel Baltar, na sede da Delegación na Coruña, onde repasaron os principais temas de interese.

Durante a reunión, o delegado do Goberno subliñou que a posta en servizo do tramo Pedralba de la Pradería-Ourense, fixada para o próximo 21 de decembro, permitirá acurtar en 1 hora e 28 minutos o traxecto entre Madrid e Ourense, fixando o tempo de viaxe entre ambas cidades en dúas horas e cuarto. José Miñones destacou que este tramo, de 119,4 km de lonxitude, supuxo un investimento aproximado de 2.965 millóns de euros.

“Este tramo implica non só a conexión de Galicia por alta velocidade co resto do país, senón unha oportunidade histórica para a transformación da provincia de Ourense, para a súa dinamización económica e turística”, indicou José Miñones. Neste sentido, o delegado do Goberno destacou tamén a inclusión do proxecto Ourense termal da Deputación de Ourense no programa de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino 2021, que mobilizará un investimento total de case 4 millóns de euros, e que involucra as tres administracións (Goberno, Xunta e Deputación de Ourense).

 

 

Pola súa banda o presidente da Deputación, Manuel Baltar, expresou hoxe a súa firme aposta pola “imprescindible colaboración interinstitucional para garantir proxectos de presente e futuro para os ourensáns”, dixo ao remate da reunión que mantivo na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, “nunha intensa conversa, como intensos foron tamén os temas tratados”.

Baltar tamén agradeceu a invitación do delegado do Goberno a visitar a sede da institución, onde asinou no Libro de Ouro deixando constancia do goberno provincial que preside como “leal colaborador na defensa dos intereses xerais de Ourense, Galicia e España”, destacou tamén “o perfil do mundo local de José Miñones –vinculado ao Concello de Ames, do que foi alcalde- o que lle permite coñecer a realidade de Galicia e dos pequenos concellos, tamén desde o contexto nacional, como así tamén comprobamos desde a xunta de goberno da FEMP da que forma parte a Deputación de Ourense”.

Investimentos

 

 

Na visita a Ourense José Miñones tamén subliñou a inversión prevista polo Goberno no trienio 2021-2023 no tramo Ourense-Monforte de Lemos, que ascende aos 202,5 millóns, co obxectivo de modernizar e mellorar as condicións de explotación da liña e potenciar a competitividade da rede ferroviaria galega.

No encontro, o delegado sinalou que nestes momentos o Goberno xa ten comprometidos máis de 223 millóns de euros en diferentes partidas para Ourense e que dentro delas, os Orzamentos do Estado para o próximo ano, cunha inversión na provincia de 157,4 millóns de euros, “supoñen un incremento do 27,5% máis que nos orzamentos de 2021”. “Isto vainos permitir seguir traballando e avanzando en proxectos verdadeiramente realizables, comprometéndonos con obras históricas para a provincia como son a estación intermodal de Ourense, a Variante Exterior entre Taboadela e Ourense, a Variante Norte no tramo Eirasvedras-Quintela, a circunvalación de O Barco ou o Museo Arqueolóxico de Ourense”, destacou.

 

Artigos relacionados

Back to top button