A RúaConcellosGalerías de fotosÚltima horaVídeos

Minuto de silencio e aplausos na Rúa en repulsa ao asasinato de Samuel

 

Menos dun mes despois das concentracións en memoria das dúas cativas vítimas de violencia de xénero, na tarde deste luns 5 de xullo Valdeorras volvía sumarse ás concentracións de toda Galicia, desta volta en repulsa ao asasinato de Samuel, o xove de 24 anos que falecía tras recibir unha paliza en pleno centro da Coruña.

No caso da Rúa tralo minuto de silencio indicado polo alcalde, Álvaro Fernández, soaban os aplausos na praza José Antonio Míguez Freire. De seguido, era a concelleira nacionalista, María G. Albert quen agradecía a presenza dos asistentes dando paso á lectura do manifesto da organización Avante que tamén se estaba lendo en 70 vilas e cidades de todo o país.

 

 

Un manifesto no que o colectivo LGBTIQ deixou claro que non estaban pedindo vinganza, senón “xustiza para que a morte de Samu non quede impune e se investigue ata o final o que pasou esa fatídica noite. Non pedimos vinganza porque o noso colectivo, sempre estivo por riba do odio, sempre loitou por acadar unha sociedade máis xusta, máis diversa e igualitaria, libre de todo odio ou violencia. O que vos pedimos, o que vos esiximos, é que tomedes parte, que non deixedes pasar a violencia que vedes acontecer perante vós porque non vai convosco. As nosas vidas dependen diso”.

Hoxe, unha vaga de solidariedade e reivindicación percorreu as rúas de todo o país, “arroupadas por compañeiras máis alá das nosas fronteiras, para demandar o fin da violencia contra o noso colectivo, para esixir leis que garantan os nosos dereitos tanto na Galiza como no estado español”, seguía lendo Raquel, concluíndo que “Samuel era unha persoa inocente, á cal lle roubaron a súa vida polo simple feito de ser. Non esqueceremos o acontecido, seguiremos nas rúas e faremos todo o preciso para que non volvan ocorrer semellantes acontecementos.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button