ConcellosGalerías de fotosPetínÚltima horaVídeos

Minuto de silencio en Petín en memoria de Anna e Olivia

A praza da vila acollía unha concentración de rexeitamento ás "vítimas da violencia de xénero vicaria"

 

Como mostra de rexeitamento “ante calquera tipo de maltrato, e hoxe especialmente por Olivia e Anna”, os veciños de Petín concentrábanse ás 22h. na praza Doutor Quiroga da vila. O acto iniciábase coas palabras de agradecemento da alcaldesa, Raquel Bautista, pola asistencia. Ademais manifestaba o seu desexo de que esta fose a última vez que se concentraban por unha morte por violencia de xenero.

Deseguido, tomaba a palabra a petinesa Ofir Enríquez que daba lectura a un texto que se iniciaba do seguinte xeito: “Como vedes, seguimos igual, xuntándonos nesta loita contra da violencia machista, e seguiremos mentras siga habendo unha soa morte por esta causa. Hoxe ademais estamos a falar de violencia ou extrema ou violencia vicaria, esa que fan os maltratadores instrumentalizando aos seus fillos para seguir maltratando ás súas parellas ou ex parellas logo dunha separación ou divorcio. Esa que o maltratador sabe que danando aos fillos, ou fillas, a muller non se recuperará xamais. É o dano extremo”.

Tamén se destacaba que “non hai palabras para expresar a profunda tristeza que sentimos antes os feitos dos que tivemos coñecemento hoxe. Olivia de 6 anos e Anna de 1 ano, asasinadas polo seu pai, que antes de desaparecer con elas díxolle á súa ex muller que non as ía volver ver nunca máis. Pero antes houbo outras nenas e nenos vítimas desta violencia vicaria, dende o ano 2013 van 39 menores asasinados”.

Ofir Enríquez concluía a lectura insistindo en que “esta lacra-pandémica só se pode atallar educando na igualdade, nos colexios, nas institucións, e, por suposto, nas casas”.

O acto concluía cun minuto de silencio en memoria das vítimas, que daba paso a un emocionado aplauso.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button