DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Minuto de silencio no C.D. Rúa-C.D. Trives polo falecemento de “O Purrela”

Álvaro Fernández, ex presidente do club rues, falecía hoxe 16 de febreiro de 2020

 

O mundo do fútbol en xeral e do C.D. Rúa en particular vén de perder un gran afeccionado. Na xornada de hoxe, 16 de febreiro, Álvaro Rodríguez Rodríguez “O Purrela”, falecía na súa vila aos 86 anos de idade.

Sempre vencellado ao balón pé, foi un dos moitos presidentes que tivo o Club Deportivo Rúa nos seus inicios, concretamente a mediados dos anos 70, e malia non estar no cargo durante moito tempo, foi un fiel seguidor do conxunto amarelo e azul e nos últimos tempos apenas se perdía un partido no campo do Aguillón, agora Vicente Solarat. Especialmente os disputados polo equipo de veteranos que no ano 2017, lle rendía unha homenaxe na final da Copa de Veteranos celebrada na súa casa, A Rúa.

 

Álvaro Rodríguez “O Purrela” na homenaxe que os veteranos do Rúa lle renderon no ano 2017.

 

Hai menos dun mes, Álvaro asistía emocionado e acompañado por toda a familia, ao recoñecemento que o Concello lle facía ao seu fillo, tamén Álvaro “Purre” pola promoción que fai da Rúa a través das súas fotografías; e hoxe era lembrado con cariño polo seu club, o C.D. Rúa, cun minuto de silencio antes de que dera comezo o derbi ante o C.D. Trives.

Correspondente á xornada 21ª en segunda Galicia e despois do 3-1 favorable ao conxunto trivés no partido de ida disputado no campo do Agro, o Rúa volvía perder, desta volta en casa por 0 goles a 2. Tras unha primeira parte sen demasiadas oportunidades, o Trives adiantábase no Marcador co gol de Marconi no minuto 34. E xa na segunda metade, o gol de Brando sentenciaba o encontro.

O C.D. Trives de David Peréz suma así tres puntos de ouro que o suben ata o 8º posto da clasificación. O C.D. Rúa de Luis Mª Ferrer está un posto por debaixo.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button