EconomíaEconomíaÚltima hora

A misión Americana busca abrir liñas comerciais nos sectores tecnolóxico, turístico e do viño

Un total de 22 corporacións dos Estados Unidos manterán encontros bilaterais con máis de 70 empresas ourensás

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” converteuse hoxe, 6 de xullo, no epicentro de negocios da Misión Comercial USA-Ourense que está a Deputación, coa colaboración de diferentes entidades. Así, neste primeiro día de contacto, as empresas norteamericanas puideron coñecer o tecido produtivo da provincia, así como as institucións públicas que traballan no territorio e os seus programas específicos de axudas á internacionalización. Mañá será a segunda e última xornada.

Esta misión estadounidense na provincia conta coa presenza de distinguidos persoeiros do país Norteamericano, entre eles, os congresistas Patrick Meehan e Linda Sánchez, republicano e demócrata respectivamente; o conselleiro para Asuntos Económicos da Embaixada de Estados Unidos en España, Thomas Reott, e o presidente da Fundación Advanced Leadership, Juan Verde. Este último salientou que a edición pasada “foi todo un éxito” e que se abriron “moitas liñas de negocio entre Estados Unidos e as empresas ourensás e viceversa”. Asemade, recalcou que o Goberno dese país fixo un estudo para realizar outro encontro económico “e elixiu precisamente Ourense polo seu potencial”.

O presidente desta fundación organizadora da Misión asegurou que para o Goberno Norteamericano os sectores prioritarios son: “a tecnoloxía, sector agroalimentario, viños e turismo”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, asegurou que o empresariado de Ourense “plantexou que fóra real esta misión”. Baltar salientou que esta é unha “oportunidade moi grande para os empresarios de Ourense”. Na tarde de hoxe, as 22 corporacións vindas de Estados Unidos mantiveron encontros bilaterais e xuntanzas con máis de 70 empresas de Ourense. “Todos van comprobar que Ourense está posicionado e aspira a converterse nun eixo de relación ente Estados Unidos e España”, recalcou o xefe do executivo provincial, quen  tamén remarcou no seu discurso inaugural “o carácter singular de moitos sectores de actividade da nosa provincia, entre os que destacan o agroalimentario, o a lousa, o turístico e o tecnolóxico, sen esquecer que contamos cunha posición estratéxica internacional, ese linde con Portugal que determina que Ourense é a provincia de España co maior número de quilómetros de fronteira internacional, unha posición xeo-estratéxica que serve de referente para empresas foráneas para investir en Ourense e para a internacionalización das nosas empresas”.

Así, compañías dos sectores vitivinícolas, distribución, alimentación, termalismo, turismo, medio ambiente, tecnoloxía, e dos ámbitos da consultoría, así como institucións empresariais e académicas manterán xuntanzas durante estes dous días para explorar liñas de colaboración comercial, promoción e transferencia tecnolóxica, que redunden en maior competitividade.

No ámbito académico e de transferencia tecnolóxica, o Campus de Ourense terá oportunidade no marco desta misión USA-Ourense de establecer contactos coa Chapman University, da mesma maneira que o fixo en Israel coa Universidade de Tel Aviv –considerada entre as dez mellores do mundo-, alianzas propiciadas pola Deputación de Ourense co obxectivo de establecer liñas de investigación e tamén para abrir novas oportunidades de negocio para empresas ourensás dos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico e industrial, entre outros sectores.

Tras o acto inaugural, os asistentes á misión tiveron a oportunidade de establecer o primeiro contacto co sector do viño e da gastronomía. Así, estiveron presentes Denominacións de Orixe de Valdeorras, Ribeira Sacra ou Ribeiro.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button