En portadaGalerías de fotosSen categorizarÚltima hora

Misión comercial inversa de prescritores franceses na lousa

Na xornada do 2 de decembro visitarán canteiras e tamén fábricas nas que se transforma esta pedra natural

Aínda que a lousa é un material de uso tradicional e habitual na construción en Francia, as súas características, composición e proceso de elaboración son en gran medida descoñecidas para boa parte da sociedade gala. Así o aseguran os xornalistas franceses de publicacións especializadas en construción que participan na misión comercial inversa que se desenvolve os días 1 e 2 de decembro no sector valdeorrés da lousa.

Eran recibidos na tarde do 1 de decembro nun acto celebrado no Pazo do Castro (O Barco) no que participaban representantes do Clúster da Pizarra de Galicia e do sector da lousa, ademais de responsables da CEO, entre os que estaba o seu presidente, José Manuel Pérez Canal, quen destacaba a importancia da lousa, “motor económico desta terra, con gran tradición internacional, posto que fai anos que a lousa valdeorresa chega aos mercados europeos”.

Ademais Pérez Canal apuntaba que “os últimos anos teñen sido difíciles, provocando un descenso das ventas deste sector no exterior, particularmente en Francia”. Por iso, a CEO e o Clúster da Pizarra, co respaldo da Xunta, promoveron esta misión inversa con profesionais da comunicación ligados ao mundo da construción e a rehabilitación urbanística, que “pretendemos nos axuden a estender a alta calidade da lousa galega e os excelentes resultados que ofrece nas cubertas de edificios ou noutros usos dentro do sector”.

Escolleuse Francia para esta acción porque “é, historicamente o primeiro país importador de lousa, practicamete un 50% do volume de exportación ten ese destino e dende o sector pensamos que é interesante ter unha imaxe de marca de lousa española en xeral alí porque é un país que nos garantiza un volume enorme”, explicaba Santiago Vázquez, empresario do sector.

Na xornada do vernes 1 de decembro os participantes nesta misión visitarán explotacións de lousa e poderán ver de preto o proceso de extracción, transformación e elaboración da lousa para a súa comercialización.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil.

Artigos relacionados

Back to top button