EconomíaEconomíaÚltima hora

A Misión Comercial USA-Ourense despídese

O acto de clausura celebrouse no Mosteiro de Oseria e contou coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación e do gaiteiro Marco Foxo

Foto de grupo dos asistentes ao acto.

O mosteiro de Oseira acolleu hoxe, 7 de xullo, o acto de clausura da II Misión comercial USA-Ourense, un encontro empresarial no que participaron ao redor de 100 empresas ourensás e dos Estados Unidos co obxectivo de abrir canles comerciais e de cooperación empresarial entre ámbos os dous territorios.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, encargado de clausurar o evento xunto aos congresistas norteamericanos Patrick Meehan (Pennsylvania) e Linda Sánchez (California), e ao presidente da Fundación Advanced Leadership, afirmou: “Máis que vender o que queremos é compartir Ourense con outros territorios, para crecer e crear xuntos entre todos”.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, foi o encargado de clausurar o acto.

O presidente do goberno provincial puxo o acento “no importante número de contactos, actividades desenvolvidas e nas expectativas que se deron nos encontros bilaterais celebrados no marco da misión comercial”, preto de 200 reunións one to one  e visitas a centros de produción da provincia, que permiten establecer contactos e liñas de cooperación principalmente nos sectores agroalimentario, tecnolóxico, turístico, medioambiental, enerxético, de distribución, consultoría e fondos de investimento.

Esta segunda edición da misión USA-Ourense contou tamén coa participación do conselleiro para Asuntos Económicos da Embaixada de Estados Unidos en España, Thomas Reott, e da directora de Finanzas e Investimento do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), María Jesús Fernández, un evento no que salientaron a presenza de importantes entidades que apoiaron a promoción e o desenvolvemento da misión, como a American Sustainable Business Council, Metro Atlanta Chamber, a Cámara de Comercio España-USA, The National Association of State Latino Chambers of Commerce (NASLCC) e a The New York State Coalition of Hispanic Chambers of Commerce, entidades que representan a miles de empresas nos Estados Unidos, mentres que polo que atinxe á provincia de Ourense a misión contou co apoio da Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e da Cámara de Comercio de Ourense. A misión empresarial contou coa participación de 70 empresas da provincia de Ourense, mentres que por parte de Estados Unidos participaron 22 compañías.

O acto de clausura contou no apartado musical coa actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e do gaiteiro Marco Foxo.

Artigos relacionados

Back to top button