EconomíaEconomíaÚltima hora

A misión comercial xaponesa visitará mañá as adegas de Valdeorras

Os empresarios nipóns foron recibidos hoxe, 23 de maio, no Pazo Provincial polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, e acompañados polo Presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal
Manuel Baltar e Pérez Canal, na recepción á misión xaponesa, no Pazo Provincial.

A misión comercial xaponesa, que onte estivo de visita na CEO, visitou esta mañá (24 de maio) o Pazo Provincial. Esta visita enmárcase dentro da axenda de traballo institucional e empresarial que están a levar a cabo pola provincia, centrada nos sectores agroalimentario e vitivinícola, para coñecer as posibilidades de negocio entre as empresas ourensás e xaponesas.Os integrantes da misión comercial xaponesa visitarán hoxe as adegas e colleiteiros do Ribeiro, así como empresas de alimentación, e mañá estarán en Valdeorras, visitando as adegas da comarca.

O presidente do Goberno provincial, Manuel Baltar, foi o encargado de recibilos canda ao presidente da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), José Manuel Pérez Canal. Baltar destacou, diante destes representantes nipóns, o labor que leva a cabo a institución provincial a prol da internacionalización das empresas de Ourense, así como as potencialidades da provincia en materia de turismo, termalismo e agroalimentación, entre outros sectores. “Somos a provincia coa maior riqueza termal de Europa”, dixo Baltar, “e temos a cooperativa agroalimentaria máis importante do continente e somos a provincia de España con maior número de denominacións de orixe vitivinícolas, catro; son só uns dos exemplos do potencial que ten o noso territorio”, remarcou.

Asemade, Baltar tamén salientou a alianza que a Deputación vén tendo coa CEO, “potenciando este tipo de misións comerciais”, e lembrou a próxima, que se celebrará na provincia os vindeiros 6 e 7 de xullo, tendo como protagonistas a representantes empresariais de Estados Unidos e Ourense.

A misión comercial desenvolverase ate o vindeiro venres, 26 de maio, e ao longo destes días terán lugar máis de 35 actividades destinadas a dar a coñecer Ourense e as súas empresas, incluíndo visitas empresariais, reunións cos importadores e catas de viños, entre outras actividades. O obxectivo da misión é contribuír ao impulso das empresas da provincia de Ourense, unha estratexia que ten levado á CEO, co apoio da Deputación, a desenvolver accións similares con mercados do Reino Unido, China, Colombia ou México, que teñen posibilitado importantes acordos comerciais.

Artigos relacionados

Back to top button