OurenseÚltima hora

A MITEU despídese até o ano que vén dende “A última cornixa do mundo”

O elenco de “Maricastaña”, Aula de Teatro Universitario de Ourense, foron os encargados de botar o pano á Mostra cunha obra dirixida por Fernando Dacosta
Escena de “A última cornixa do Mundo” // Foto: UVigo.

A Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) botou o pano o pasado sábado, 6 de maio no Teatro Principal. Un evento que encheu Ourense de teatro dende o 20 de abril. O acto de clausura arrancou cara ás 20:00 horas coa entrega de premios do xurado e do espectador “Carlos Couceiro e Begoña Muñoz”; o premio á Mellor Resolución Técnica, “Suso Díaz” e o Premio da Organización. Ao acto acudiron o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón. Que se encargaron de entregar os premios.

Na primeira categoría (Xurado e Espectador) o xurado estivo composto por José Mao, Patricia Figueiras, Toño Iglesias, Alicia Fraga e Marcos Vázquez. E decidiron darlle o premio á compañía “Vaivén Circo”, de Andalucía. En canto ao premios do Espectador, foi a parar para “Al-Salam” de Iraq. Por outra banda, o premio á “Mellor resolución técnica”, cuxo xurado foron os técnicos do Auditorio e do Teatro Principal, foi para A Aula de Teatro Universitario de Santiago de Compostela.

Vicente Pérez recibiu o premio da Organización.

Finalmente, a organización decidiu entregarlle o premio a Vicente Pérez, “chofer que levou á Aula de Teatro de Teatro Universitario de Ourense en moitas ocasións e que fixo que chegar a sitios complicados fose doado”, dixo o director da MITEU, Fernando Dacosta, que asegurou que este premio representa a todos os chofer “que xogan un papel importante no traslado en autobús dos grupos universitarios”.

Tras os premios chegou a quenda do teatro. Os encargados de pechar a vixésimo segunda edición da MITEU foi o elenco de “Maricastaña”, Aula de Teatro Universitario de Ourense, que interpretaron “A última Cornixa do Mundo”, unha dramaturxia de Fernando Dacosta a partir de “Océano mar” de Italo Calvino. “Maricastaña” trasladou ao patio de butacas á pensión de “Almayer”, un lugar situado “na última cornixa do mundo” onde o tempo transforma aos seus hóspedes. Un lugar que atrae a un pintor que procura pintar o mar co mar, a unha muller que está a sanar de desexo, un profesor que escribe unha enciclopedia sobre os límites da natureza, unha rapaza que quere vivir e fuxir da morte en vida e do medo, unha monxa que crea oracións únicas… A eles xúntase un home que le os pensamentos e que está posuído pola vinganza. Pero o mundo onírico está representado, xa que hai tres nenos que entran nos soños. Durante a súa estancia na pousada, coñecen o ventre do mar e se enfrontaron á verdade.

O elenco estivo composto por Manuel D’Angiulli, Fani González, Paco Daza, Silvia Pazo, Chelo Cortiñas, Irene Pérez, Héctor Martínez, Silvia Domínguez, María Novoa, Gael Gallego, Álex Hermida, Gonzalo Otero, Lina Errida e Conchi González.

Valoración positiva

Xa coa resaca de teatro curada e a calma da euforia abaixo, o director da MITEU, Fernando Dacosta, fixo unha valoración positiva desta vixésimo segunda edición: “ao principio tivemos esa semana de tempo subtropical e empezou frouxiña pero, pouco a pouco foi crecendo e estamos en cifras de anos anteriores”. Dacosta foi prudente á hora de cifrar, “xa que aínda non puiden acceder aos datos”, pero asegurou que de media “houbo sobre 200 espectadores en sala por espectáculo” e asegurou que a todo isto hai que sumarlle a xente que foi aos espectáculos de rúa e ás animacións.

O director valorou positivamente a resposta do público e asegurou que xa teñen ganas de continuar “se é posible”, dixo, coa MITEU.

Artigos relacionados

Back to top button