PolíticaSen categorizar

Mitin de AGE no Barco

“Queremos sistemas sociais e económicos centrados nas persoas” aseguraban os candidatos de AGE en Valdeorras o 18 de maio
Participantes no mitin de AGE no Barco.
Participantes no mitin de AGE no Barco.
Juan Martínez e Carlos Lorenzo, candidatos de AGE.
Juan Martínez e Carlos Lorenzo, candidatos de AGE.
Un dos momentos do mitin.
Un dos momentos do mitin.

“Asistimos indignados aos recortes en dereitos básicos e en dereitos humanos. Asistimos indignados e impotentes ao desmantelamento dos noso rural”, aseguraba no mediodía do 18 de maio Iolanda Pérez, responsable de organización de Anova. Facíao nunha intervención que abría un mitin celebrado no edificio multiusos do Barco de Valdeorras, xunto aos candidatos de AGE (Alternativa Galega de Esquerdas) en Europa, Juan Martínez e Carlos Lorenzo, e tamén xunto a Manuel Peña Rey, de Esquerda Unida.

Ademais Iolanda Pérez engadía que ante esta situación hai dúas maneiras de loitar: “a mobilización social na rúa” e “o dereito ao voto”. Neste senso incidíu en que “é necesario acceder ás institucións para poder cambiar as cousas” e “manifestarlle á Troika que non imos permitir que sigan facendo as políticas agresivas”. Ademais falou da necesidade de apostar por unha Europa “de cooperación, de unión pola loita social, pola xustiza social, que se rebele ante a inxustiza”. E tracexou as medidas “moi xustas e básicas” que AGE propón neste senso como son “unha renda básica universal europea” ou “xornadas laborais de non máis de 35 horas”, entre outras.

De seguido tomaba a palabra o candidato Juan Martínez que sinalaba que a proposta política de AGE é “pragmática, pero tamén de cambio das institucións europeas. Non nos vale unha reforma parcial, pedimos un cambio de institucións europeas”. Pola súa banda, o seu compañeiro na lista, Carlos Lorenzo, aseguraba que “temos un sistema que se centra no diñeiro, nos cartos, non nas persoas. Agora trátase de invertir esa ameaza” e apostar por “sistemas sociais e económicos centrados nas persoas”.

Finalmente, Manuel Peña Rey, de Esquerda Unida, resaltaba que as europeas do vindeiro 25 de maio “son as eleccións máis importantes que hai. A maioría das decisións que se toman e nos afectan pasan por esas eleccións. Hai que chamar á participación para poder cambiar a dinámica actual: unha Europa sen democracia e cunha situación económica terrible e cun aumento de desigualdade entre o norte e a periferia. Por iso é moi importante darlle un cambio a esa Europa”.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button